Martes. 16.04.2024

A sesión plenaria celebrada permitiu dar luz verde á aprobación do Plan de Acción para o Clima e a Enerxía Sostible (PACES). A proposta do goberno local, Alternativa por Arzúa e PsdG, contou co respaldo de todos os grupos políticos que aceptaron o compromiso voluntario que conleva este acto, baseado no cumprimento dos obxectivos climáticos e enerxéticos da Unión Europea co fin de reducir as emisións de CO2 e aumentar a súa resistencia aos impactos do cambio climático.

A concellaría de Medio Ambiente será a encargada de xestionar o alcance deste acordo que procura, nun horizonte marcado no 2030, cooperar en políticas medioambientais que permitan optimizar o gasto en consumo de enerxía e promover a xestión integral do desenvolvemento económico, social e cultural a través da cooperación sostible.

O plan de acción aprobado marca un obxectivo prioritario, a reducción das emisións de CO2 nun 40% nun prazo de algo menos dunha década. Para iso, o concello de Arzúa deseñou un documento que recolle as accións a desenvolver nos vindeiros anos e que se centran, de xeito maioritario, en minimizar o consumo de enerxía no concello facendo especial fincapé no consumo de combustibles fósiles, especialmente o gasóleo en vehículos e calefactores e tamén no incremento do nivel de implantación das enerxías renovables.

Miguel Vallo explicaba que o documento “recolle os requisitos que marca o Pacto dos Alcaldes polo Clima e a Enerxía Sostible”, un pacto ao que o concello de Arzúa se adheriu en abril deste mesmo ano. Sinala o propio concelleiro que “Arzúa xa ten dado pasos importantes na implantación de medidas conducentes a reducir o consumo enerxético, a minimizar as emisións e ao impulso as enerxías renovables”. Neste senso, destaca Miguel Vallo “o esforzo do goberno local nestes últimos anos na renovación de luminarias, no aumento de áreas verdes ou na mellora no ámbito do saneamento”.

Para dar cumprimento ao plan de acción aprobado, o concello de Arzúa irá desenvolvendo en diante as medidas nel contempladas que se resumen, a grandes trazos en: realizar campañas de comunicación sobre os compromisos e obxectivos marcados incidindo na sensibilización para o aforro enerxético; seguir implantando enerxías renovables como a fotovoltaica ou a solar térmica en edificios municipais. Substituir as luminarias de vapor de mercurio por outras tecnoloxías de menor consumo. Substituir o uso de combustibles fósiles por biocombustible e renovar o parque de vehículos municipal coa adquisión de vehículos híbridos ou eléctricos. Minimizar a produción de residuos en orixe; limitar a publicidade comercial nas caixas de correo e fomentar o consumo de produtos naturais ou mesmo deseñar nova ofertas de turismo sostible, entre outros.

Dende o goberno local agardan contar coa colaboración cidadá para levar a bo fin o desenvolvemento deste plan que redundará nunha mellor calidade de vida para todos, axudando á desaceleración do cambio climático e apostando polo consumo de enerxías limpas e sostibles.