Sábado. 20.04.2024

A vixésima terceira campaña de Nadal de ASETEM - CCA, ‘Este ano toca en Melide’ repartirá 6.000 euros en premios no seu tradicional sorteo.

Neste primeiro día de decembro arrinca a nova edición da iniciativa que cada Nadal a entidade empresarial celebra nos comercios asociados da Comarca. Este ano participarán oitenta establecementos, o que afianza a boa acollida que esta iniciativa ten e que dende a directiva da asociación esperan que se traslade tamén á clientela, “confiamos en que a poboación volva apostar polos establecementos de proximidade para facer as súas mercas de Nadal porque non é necesario moverse de Melide para atopar agasallos de todo tipo”.

O principal obxectivo desta actividade é o fomento e impulso das compras nos comercios melidenses premiando a fidelidade da clientela mediante o sorteo de vales de compra para gastar nestes mesmos establecementos. Para levar a cabo esta acción de promoción as tendas obsequiarán á súa clientela con rifas ao realizar compras de calquera importe dende hoxe e ata o 14 de xaneiro. Ese día, celebrarase no Centro Sociocultural Mingos de Pita a gala do sorteo de Nadal para repartir os premios: un de 2.000 euros, dous de 1.000, e catro de 500 euros. Ademais, entre os asistentes á gala sortearase un bono para unha viaxe de fin de semana para dúas persoas. Neste evento participará o grupo de música melidense ‘Leirabuxo’ e tamén a cantante, presentadora e imaxe de ASETEM – CCA, Tania Veiras.

As bases da campaña así como os establecementos participantes poden consultarse na páxina web: www.asetem.com, para calquera dúbida poden chamar ao 981 50 61 88.