Martes. 16.04.2024

O portavoz municipal do BNG en Arzúa, Xoán Xesús Carril, explicou algunhas das propostas que a formación nacionalista presentou ao alcalde e ao goberno municipal para ser tidas en conta no proceso de elaboración dos Orzamentos Municipais do ano 2021.

A organización nacionalista reclama “uns orzamentos que amplien o gasto social, permitindo recuperar servizos como o coñecido como “Madrugadores” para o atendemento das crianzas e idade escolar e, así, facilitar a conciliación familiar e laboral” sinalou o portavoz nacionalista.

MÁIS GASTO NAS PARROQUIAS

Do mesmo xeito, desde o BNG propoñen incrementar o gasto “en novas infraestruturas, xa que Arzúa leva máis de 10 anos estancada neste sentido” dixo Carril. Así, reclaman que se incremente o gasto dirixido ás parroquias rurais “cómpre que se faga seriamente un plan de arranxo de pistas, traídas de auga e saneamento, entre outras cuestións que garantan que se atenden as necesidades da veciñanza que vive nas parroquias arzuás” explican desde o BNG.

SEGUNDA FASE DA RÚA FRAGA DO REI

De igual maneira, desde a organización nacionalista reclaman que os orzamentos deste ano contemplen as actuacións “no que debería ser a segunda fase de humanización da rúa Fraga do Rei”. “A comezos do ano 2020 o alcalde anunciou o inicio dunhas obras que van supor apenas o arranxo de 100 metros desta Rúa. A veciñanza aínda está a agardar información de cando e como van desenvolverse estas obras, e o lóxico será que nos orzamentos do ano 2021 se contemple a a segunda fase das mesmas” concluíu Carril.