Sábado. 20.04.2024

O Concello de Boimorto lamenta ter que comunicar a decisión de cancelar a celebración da presente edición de Magreco, feira de maquinaria agrícola e produtos ecolóxicos, que tiña previsto desenvolverse a última fin de semana de marzo. A folga de transporte fai inviable a chegada ao pavillón de Boimorto, no que se ía celebrar o certame, tanto de maquinaria para as distintas exhibicións previstas como de exemplares de vacún para a realización da tradicional poxa de xovencas.

Boimorto, a través da súa alcaldesa, amosou o seu total apoio tanto ao sector agrogandeiro, de gran peso no municipio, como ao sector do transporte. María Jesús Novo Gómez incidiu en como lles está a afectar a estes dous sectores a suba de materias primas, a electricidade e o gasóleo, o que os leva a “unha situación insostible”.

Coa vista posta no futuro, o Concello de Boimorto xa fixou para o 25 e 26 de marzo do vindeiro ano 2023 as datas da próxima feira, que ademais de amosar as últimas novidades en maquinaria agrícola e forestal, volverá a ter na poxa de xovencas frisoas un dos seus principais atractivos. Centos de gandeiros da comarca acoden a esta poxa para facerse con exemplares de primeira calidade coa fin de renovar as súas explotacións.