Xoves. 28.03.2024

O Concello de Brión aprobou a resolución definitiva da concesión de axudas do PEL-Reactiva 21/2020: Fondo de Financiamento para a reactivación económica e social da provincia da Coruña, cun importe de 95.000 euros e que beneficiarán a un total de 57 microempresas e persoas autónomas do municipio. Máis do 77% das axudas concedidas corresponden a empresarios individuais ou persoas autónomas sen empregados ao seu cargo, que recibiron unha axuda de 1.500 euros.

Así mesmo, o Concello de Brión concedeu 8 axudas de 2.000 euros a microempresas ou persoas autónomas cunha única persoa empregada; 4 axudas de 2.500 euros microempresas ou persoas autónomas con entre 2 e 5 empregados; e unha única axuda de 3.000 euros a unha microempresa con entre 6 e 9 traballadores. A maioría das achegas (54) foron concedidas por cese total da actividade, mentres que tres delas foron por redución da facturación.

O alcalde de Brión, Pablo Lago Sanmartín, espera que “estas achegas contribúan a minorar os danos derivados da pandemia da Covid-19 e sirvan no posible para impulsar a actividade económica e o emprego no noso municipio”.

O presuposto inicial co que contaba este programa, promovido pola Deputación da Coruña, era de 95.714,70 euros, dos que o Concello de Brión achega o 20%. Á iniciativa presentáronse un total de 70 solicitudes, das que 57 foron aprobadas, sumando o total dos fondos dispoñibles.