Venres. 19.04.2024

O Concello de Cedeira vai poder aplicar un desconto do 4% na taxa de recollida de residuos á cidadanía, despois de acollerse á bonificación que aplica Sogama no importe do canon unitario de tratamento por toneladas a aquelas entidades locais que promoven a redución dos residuos e a reciclaxe.

Desde o goberno local, o alcalde Pablo Diego Moreda destacou que “son moitas as accións e iniciativas que adoptamos para contribuír na loita contra o cambio climático, e é moi importante, xa que é un esforzo colectivo, que isto teña repercusión tamén na factura”.

O goberno local de Cedeira leva anos adoptando diferentes medidas para mellorar a xestión dos residuos. Repartiu máis de 200 composteiros a outros tantos fogares que son xa activos axentes dun tratamento sostible dos refugallos orgánicos e dispón de recollida separada de envases lixeiros, papel-cartón e vidro, roupa e aceite usado. Cómpre apuntar que a cidadanía de Cedeira recicla ao ano máis de cinco toneladas de aceite de cociña usado. Ademais, o Concello conta cun servizo de recollidas periódicas de residuos voluminosos porta a porta.

O municipio dispón tamén dun punto limpo no polígono da Xunqueira. A todo isto súmase que o goberno local está actualmente xestionando axudas, procedentes dos fondos Next Generation, para a incorporación dun punto limpo itinerante e a posta en marcha doutras accións de mellora da xestión dos biorresiduos con destino á planta de Sogama, que abrangue a compra de caldeiros e bolsas compostables para o uso doméstico, sistemas de identificación de usuario e pesada, contedores para a vía pública e campañas de sensibilización