sábado 28/05/22

O pleno da corporación cedeiresa aprobou, nunha sesión extraordinaria, a incorporación ao orzamento do presente 2022 de preto de 1,1 millóns de euros dos máis de 2,7 millóns de euros que quedaron de remanentes de tesourería tras o peche do exercicio anterior.

Tal e como apuntan fontes municipais, como xa sucedera o pasado ano, a ausencia de débeda e a saneada situación económica do Concello permite ao goberno presidido por Pablo Diego Moreda Gil incrementar os recursos para este ano e acometer novos investimentos en diferentes áreas. Así, a modificación de créditos aprobada, por un valor total de 1.097.840,45€, asigna fondos a 80 novas partidas de gasto para os orzamentos do presente 2022. Tal e como informou o alcalde, Pablo Diego Moreda Gil, no reparto dos fondos destacan os 265.774,08€ que se van destinar a investimentos financeiramente sostibles; os 236.317,17€ que irán para a área de Cultura, Turismo e Xuventude; os 136.454,24€ que se asignan ao departamento de Deportes e os 55.456,84€ para Educación.

Ademais, o alcalde subliñou que varias das partidas consignadas nesta modificación de créditos van cubrir a achega municipal en proxectos e programas cuxa financiación principal procede doutras administracións, polo que en realidade “significan pagar a parte do Concello dun gasto que é moi superior”. De feito, as achegas municipais para estas convocatorias –Agader, APROL, PEL e outros-, suman algo menos de 100.000 euros e a parte que van financiar outras administracións ascende a máis de 250.000€. É o caso dun programa para a mellora da xestión dos biorresiduos, ao abeiro dunha convocatoria da Consellería de Medio Ambiente, no que se van gastar máis de 42.000€. Deles, o Concello aporta menos do 10% e recibe o resto de fondos Next Generation.

“O goberno local trata de optimizar os recursos propios e aproveitar todas as convocatorias doutras administracións, moitas delas nestes momentos con fondos Next Generation para a recuperación, para así seguir mellorando os servizos e os equipamentos para a cidadanía”, explicou Moreda.

Xunto con estes proxectos, o alcalde recordou que o Concello de Cedeira ten solicitado financiación a través do programa DUS5000, tamén dotado con fondos Next Generation, que de concederse suporán o investimento de outros 2,3 millóns de euros en iniciativas vencelladas á mellora da eficiencia enerxética. No listado de investimentos que o goberno local poderá acometer con estes fondos destacan obras para a ampliación ou mellora da rede de saneamento, do sistema de iluminación, arranxos de pistas, camiños, beirarrúas, etc. Aparecen tamén, entre moitas outras, partidas para as festas patronais e a organización de campamentos de verán, así como para a contratación de monitores deportivos. Moitas das intervencións dan resposta a demandas presentadas polas asociación de veciños, deportivas ou culturais da vila, coas que o goberno local dialoga e está en estrecho contacto.

comentarios
Entrando na páxina solicitada Saltar publicidade