Venres. 29.03.2024

Os membros do xurado, integrado polo reitor da USC, Antonio López; a vicerreitora de Coordinación do Campus de Lugo, Montserrat Valcárcel; María Cruz Díaz, presidenta da Asociación Nacional de Enxeñeiros Agrónomos; Carme Pampín, CEO de GalChimia, e o presidente de Aresa, Álvaro Rodríguez Eiras, reuníronse para avaliar as trece candidaturas presentadas e deron a coñecer o nome do galardoado nunha conferencia de prensa celebrada no vicerreitorado do Campus lucense.

O reitor da USC, Antonio López, valorou a diversidade das candidaturas porque, segundo dixo, “contamos con moita variedade nos proxectos, desde formativos ata de investigación, gandeiros ou agrícolas…Todas elas, iso si, con moito valor” e anunciou que “tras estudar a fondo todas elas, acordamos por unanimidade que a vencedora desta vixésimo segunda edición do Premio Aresa fose a presentada polo Centro de Promoción Rural-EFA Fonteboa, de Coristanco”.

Lopez Díaz engadiu que “xa fora finalista en anteriores edicións do Premio e queremos destacar así, nesta ocasión, a importancia que a formación de profesionais ten para o desenvolvemento presente e futuro do sector primario, dos sectores agrícola e gandeiro de Galicia”.