Venres. 29.03.2024

Os edís de Terra Galega e PSOE aprobaron inicialmente no último pleno cos seus votos favorables –BNG e PP abstivéronse- un expediente de modificación de créditos por importe de 2.500.015 euros para realizar importantes investimentos na cidade. O portavoz de Terra Galega e concelleiro de Facenda, Román Romero, desglosou na sesión as principais actuacións que se acometerán con cargo a esta partida global, como obras de accesibilidade valoradas en algo máis de 550.000 euros na estrada de Castela, Cidade Europa, Santa Icía, Virxe do Mar, e en edificios municipais como o complexo polideportivo da Gándara e o Centro Manuela Pérez Sequeiros, no colexio Virxe do Mar. Así mesmo, tamén se recollen actuacións, entre outras, como a demolición do cuartel da Garda Civil de Xuvia -247.727 euros-, a urbanización de viais no barrio da Solaina -169.888 euros-, a ampliación da rede de saneamento en San Mateo -156.997-, melloras en eficiencia enerxética na estrada de Cedeira e no pavillón da Gándara -133.000- unha senda peonil no camiño de Igrexa a Braña, en Doso -80.634 euros-, e o acceso ao muíño de Prados -48.236-.

Os investimentos a levar a cabo destinan tamén partidas para acometer melloras en centros de ensino –máis de 60.000-, melloras en locais sociais –algo máis de 50.000 euros-, avanzar en materia de reciclaxe -outros 50.000 euros-, e á organización de diversos eventos festivos, de feiras e mercados, a programas gastronómicos e de promoción do sector comercial, a dotación dun parque de calistenia en Xuvia, a instalación dun xogo na praza 23 de Novembro e a elaboración dun estudo sobre as mulleres en Narón.

Na sesión plenaria saíu adiante tamén a proposta de imposición de penalidades á empresa adxudicataria do Servizo de Axuda no Fogar por incumprimento grave das súas obrigas contractuais durante a execución do contrato, por importe de 42.330 euros. O citado importe deducirase da contía da seguinte factura que emita a citada empresa. Neste punto, a concelleira de Benestar Social, Catalina García, repasou os trámites realizados e avanzou que dende o Concello “tratamos de sacar o servizo o máis dignamente posible e confiamos en que así sexa co novo contrato”. Finalmente, a alcaldesa, Marián Ferreiro, aludiu ás numerosas reunións e xestións realizadas dende o grupo de goberno para tratar de solventar os problemas detectados e incidiu en que “administrativamente temos que actuar”.