Sábado. 20.04.2024

O Concello de Negreira aprobou en pleno uns orzamentos municipais para o ano 2022 de 6.202.164,07 euros, un 3% máis que o ano anterior.

“É un orzamento social e realista coa situación económica que estamos a vivir, pensado por e para os veciños e veciñas de Negreira, que recolle as demandas da veciñanza e das distintas entidades do noso tecido asociativo mantendo e incrementado os servizos, e todo isto sen subir ningún imposto ou taxa municipal”, explica a primeira tenente de alcalde, María del Mar García Vidal. O alcalde, Manuel Ángel Leis Míguez, non asistiu ao pleno por problemas de saúde.

Nas contas presentadas polo grupo de goberno destaca un aumento do gasto social en relación ao ano 2021, destinado a partidas e proxectos prioritarios para o Concello de Negreira como o Servizo de Axuda no Fogar (SAF) ou a Unidade de Atención Temperá, entre outros.

“Faremos tamén un importante esforzo inversor de 308.049,12 euros en obras para mellorar as infraestruturas públicas no casco urbano e as parroquias; unha partida á que hai que unir todos os proxectos do Plan Único da Deputación”, engade García.

Así mesmo, mantéñense os niveis de investimento nas áreas de Cultura, Turismo e Deportes, seguindo a senda dos anos anteriores. Os orzamentos saíron adiante cos votos a favor do grupo de goberno e o informe favorable do interventor.

Ademais dos orzamentos, a orde do día do pleno incluía outros puntos, entre os que estaba a cesión da concesión de caudal de dous manantiais, e a solicitude de financiación para a execución das obras de saneamento e humanización da rúa Rosalía de Castro.