Venres. 29.03.2024

O Pleno de setembro do Concello de Ordes iniciouse coa aprobación da conta xeral do ano 2021. O informe, feito publico pola tenente de alcalde Ana Soneira, reflexa un balance positivo cuns activos e pasivos equilibrados que ascenden a 69.670.874,15 €, un incremento patrimonial de 2.828.219,47 €, e uns activos líquidos que chegan ata os 5.274.340,10 €. Con todo a liquidación orzamentaria sitúase en 1.593.058,29 €. De cara aos gastos xerais o remanente que reflexa o departamento de Tesourería está nos 4.785.217,65 euros. Outra cifra que se aporta no documento de carácter contable son os 2.121.317,65 € de aforro.

Deste xeito, tal e como se defendeu dende o grupo de goberno, hai que falar dunhas cifras que veñen a dar cumprimento de forma máis ca evidente co obxectivo de estabilidade orzamentaria, cifrándose en 1.190.115,16 € a capacidade de financiación. No que respecta á débeda con entidades bancarias esta ascende a algo máis de 460.800 € (1.539 € de xuros ao ano). Por outra banda a decembro de 2021 o período medio de pagamento de débeda do Concello situouse en pouco máis dun día (1,34).

Á hora de votar tanto o grupo de non adscritos (3 concelleiros) como o PSdeG-PSOE de Ordes (2 concelleiras) optaron pola abstención. As críticas e discrepancias máis notorias xurdiron da bancada do BNG, que nesta ocasión contou unicamente coa presenza de Pablo Vidal, o cal votou en contra (ausencia dos outros dous concelleiros por motivos de saúde e laborais). A permanencia de varios contratos xa vencidos, o xeito de tramitar a modificación das obra da rúa do Muíño, o incremento da recadación do IBI tanto rústico como urbano ou o feito de non executar todo o orzamento previsto para actuacións como o desbroce ou mantemento de vías públicas foron algúns dos alegatos para xustificar esta postura. Puntos que foron rebatidos polo rexedor, José Luis Martínez Sanjurjo con explicacións como o incremento de construcións dentro do termo municipal, a regularización catastral levada a cabo na que “non soamente se regularizaron dous galpóns” ou as axudas aportadas pola Xunta e que permitiron o aforro de fondos propios nalgunhas partidas das partidas antes citadas. Os votos favorables viñeron da maioría absoluta ostentada polo goberno local (9).

Por outra banda tamén se procedeu coa modificación das ordenanzas fiscais relativas aos servizos de abastecemento e saneamento (Ordenanzas fiscais 18 e 19). Tal e como se estipula no contrato coa empresa concesionaria increméntase o nivel do IPC, situado nun 9,80%. Todos coincidiron en que se trata dunha subida importante nun momento moi delicado para moitos veciños e veciñas, pero que ao mesmo tempo é inevitable. Por este motivo os nacionalistas se abstiveron na votación mentres que os socialistas votaron en contra. Goberno e non adscritos optaron polo voto a favor.

Noutra orden de cousas o rexedor insistiu en non poder demorar por máis tempo dúas modificacións de crédito. A primeira delas corresponde coa gratuidade da escola infantil municipal, polo que o Concello adiantará 50.000 euros, os cales serán devoltos posteriormente pola Xunta de Galicia tal e como está establecido na orde de gratuidade das escolas infantís. Unha medida que todas as formacións políticas quixeron apoiar.

Onde xa houbo discrepancias, quedando o equipo de goberno en soidade, foi na modificación para a adquisición dos terreos da antiga fábrica de Viriato por un total de 962.969,18 € (IVE incluído). Dita modificación posibilitará o pago do 50% deste importe no presente ano, quedando pendente a outra metade para o vindeiro 2023. O grupo de non adscritos asegurou que aínda que na comisión mantida se falou de equipamentos e instalacións deportivas en ningún momento se concretou o uso deste espazo que pasará a ser público. Calificou de “improvisada” esta actuación. Advertiu tamén das previsións futuras no eido económico e amosou a súa preocupación por si este investimento repercute negativamente nos de índole social no caso dunha futura crise que requira de plans de urxencia. Argumentación moi similar tiveron tamén as outras forzas da oposición.