Martes. 23.04.2024

O Concello de Oroso informa aos seus veciños e veciñas da concesión definitiva de 120.000 euros en axudas do programa PEL-Reactiva da Deputación da Coruña, destinadas a pemes e autónomos con actividade no municipio e afectados pola pandemia do coronavirus.

Estas axudas da liña PEL-Reactiva van dirixidas os autónomos e microempresas que se viran afectadas polo peche do negocio durante o estado de alarma, así coma aquelas que viran reducida a súa facturación en máis dun 75% ou se acolleran a un ERTE.

As subvencións oscilan entre os 1.500 euros para traballadores por conta propia sen traballadores ao seu cargo e os 3.000 euros. “As persoas que quedaron fora por diferentes motivos poderán optar a unha nova convocatoria”, explica o alcalde de Oroso, Manuel Mirás Franqueira.

“Desde as administracións temos que activar todo tipo de medidas para axudar a sectores como a hostalería e o comercio”, afirma pola súa parte Antonio Leira, concelleiro de Promoción Económica de Oroso.

Ademais destas axudas, o concello aprobou diferentes medidas e rebaixas fiscais para o ano 2021, co mesmo obxectivo de axudar ás familias, pemes e autónomos do municipio.

En concreto, o pleno municipal aprobou unha rebaixa no IBI e no recibo do lixo, así como unha bonificación dun 60% no imposto de vehículos de tracción mecánica para os automóbiles eléctricos e híbridos. Todas estas bonificacións terán un impacto de 200.000 euros, cos que contarán os veciños e veciñas para os seus gastos.

“Son medidas necesarias para axudar ás familias e reactivar a economía local”, engade Mirás.