Venres. 29.03.2024

O secretario xeral do PSdeG-PSOE de Oroso, Jonatan Rey, considera “inaudito e lamentable” que o voceiro do Grupo Municipal do Partido Popular, Alexándre Doval, solicitara ao goberno local no último pleno a aprobación de “bonificacións ilegais” no Imposto de Vehículos de Tracción Mecánica (IVTM).

A través dunha moción, o voceiro do PP reclamaba a aprobación dunha bonificación do 100% para os vehículos con etiqueta ambiental CERO, o que, segundo explica Jonatan Rey, “sería ilegal ao incumprir o artigo 95.6 da Lei reguladora das Facendas Locais”. Explica que “dito artigo recolle literalmente que as ordenanzas fiscais do IVTM poderán establecer “unha bonificación de ata o 75 por cento en función da clase de carburante que consuma o vehículo, en razón á incidencia da combustión de dito carburante no medio ambiente” e “unha bonificación de ata o 75% en función das características do motores dos vehículos e a súa incidencia no medio ambiente”.

Neste senso, o secretario xeral dos socialistas de Oroso salienta que “a ordenanza municipal xa contempla bonificacións do 60% para os vehículos da etiqueta ambiental CERO. O voceiro do PP está a pedirlle ao goberno local que faga algo que é ilegal e non sabemos se é máis preocupante que o faga con mala fe ou por descoñecemento da lexislación, pero en calquera dos dous casos está a demostrar unha carencia de coñecementos que deixan en evidencia a súa inexperiencia para optar a xestionar un concello como Oroso”.