Venres. 29.03.2024

A compañía galega de distribución alimentaria Vegalsa-Eroski abriu un proceso de selección para cubrir 60 vacantes de recepción e preparación de pedidos para a súa nova Plataforma de Mercadorías de Frescos de Sigüeiro, cuxa entrada en funcionamento completo está prevista para o segundo trimestre deste ano, o que lle permitirá á empresa dispoñer en 2022 da infraestrutura loxística máis grande do sector da alimentación en Galicia con 51.000 m2 entre o seu novo bloque loxístico de frescos e a súa Plataforma de Mercadorías Xerais.

“Debido á próxima inauguración da nova Plataforma de Mercadorías de Frescos en Sigüeiro, estase na procura activa de persoal, en concreto de 60 preparadores de produtos frescos, cuxa función principal será a recepción de mercadoría e preparación de pedidos para o abastecemento das nosas 277 tendas en Galicia, Asturias e Castela e León”, explica o director de Loxística da compañía, Fernando Casal.

Todas as persoas interesadas neste proceso de selección deberán inscribirse no portal de emprego de Vegalsa-Eroski a través da ligazón: http://empleo.vegalsa.es/.

Na oferta de emprego detállase a incorporación inmediata ao mercado laboral apostando pola estabilidade no emprego, un paquete de compensación conformado por salario fixo, salario variable (en función dos obxectivos marcados), retribución flexible (vantaxes fiscais) e desconto de empregado para dous beneficiarios, así como plans de formación e promoción interna.

De feito, tras finalizar a súa construción o pasado ano, a compañía está inmersa xa no proceso de traslado dos procesos de frescos das Plataformas da Coruña ás súas novas instalacións en Sigüeiro, comezado polo proceso de lácteos e continuando con froita e charcutería.

Este novo bloque loxístico, terá unha capacidade para procesar uns 223.000 palés de froita, 65.000 de charcutería e 70.500 de lácteos anuais ao comezo da súa actividade e con marxe de aumento da súa capacidade máxima, o que supón un aumento de volume de palés do 13,4% respecto a a actual plataforma no polígono coruñés. Unha vez que se poña en marcha, as actuais plataformas loxísticas de 14.000m2 que a compañía ten na Coruña no polígono da Grela e de Pocomaco, dedicadas a estes produtos frescos, especializaranse só no aprovisionamento de carne, peixe e reexpedicións, así como os elaborados cárnicos, que servirán a toda a rede tendas.