Luns. 26.09.2022

O director xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias e presidente de Xenética Fontao, José Balseiros, visitou as instalacións desta empresa pública para supervisar e coordinar, co seu equipo directivo e co seu persoal, os labores de posta a punto para o comezo inmediato da produción en exclusiva de seme sexado para toda España.

Nesta liña, Balseiros cualificou este feito como “unha boa nova” para todos os gandeiros, xa que no sector lácteo apostan especialmente por contar conxovencas femias e no da carne preferentemente por machos e, con esta técnica, váiselles garantir ata nun 90% esta selección xenética, o que redundará, de xeito moi importante, na mellora da competitividade das súas explotacións. Ademais, puxo en valor que se producirán un mínimo anual de 30.000 doses.

Ao mesmo tempo, o director xeral salientou que Xenética Fontao xa pasa por ser, dentro de España, pero tamén no ámbito europeo, un centro de referencia nesta materia e que agora “dáse un paso máis” para consolidar esa realidade e para favorecer o sector gandeiro galego.

Neste mesmo sentido, José Balseiros apuntou que “ata o de agora ese seme sexado había que importalo dende outros países, pero desde este momento existe a posibilidade de aproveitar estas técnicas aquí, en Galicia”. Ademais, destacou tamén que “este labor será en exclusiva para toda España, o que significa que calquera outro organismo, laboratorio ou axencia que o queira producir terá que depender de Xenética Fontao, empresa adscrita á Consellería do Medio Rural”.

Neste contexto, o director xeral aseverou que “Galicia está na vangarda en materia de xenética animal, algo que contribúe decisivamente a consolidar a súa posición de liderado nacional e mesmo de referente a nivel europeo na produción de leite e de carne, en cantidade e calidade”.


 

comentarios
Entrando na páxina solicitada Saltar publicidade