Xoves. 28.03.2024

A directora da Axencia Galega de Innovación (Gain), Patricia Argerey, e o director do Igape, Fernando Guldrís, participaron en Arzúa na iniciativa Camiño de futuro, posta en marcha pola Xunta de Galicia co obxectivo de difundir entre as pequenas e medianas empresas de contornas non urbanas os instrumentos de apoio da Xunta de Galicia dirixidos a mellorar a súa competitividade e crecemento.

No encontro púxose de relevo o traballo da Administración autonómica para que cada vez sexan máis as pemes galegas que emprenden e escollen este camiño buscando o valor diferencial que achegan a innovación, a dixitalización e a sostibilidade, sinalando que a competitividade dunha empresa crece de forma proporcional ao que inviste en innovación.

No encontro celebrado en Arzúa técnicos de Gain e do Igape, así como do Grupo de Desolvemento Rural (GDR) Ulla, Tambre e Mandeo, explicaron as diferentes convocatorias de axuda activadas pola Xunta.

Así, entre outras iniciativas e convocatorias, informouse de que dentro do Programa de Impulso á Innovación nas Pemes, activaranse este ano apoios por 12 millóns de euros.

No eido da dixitalización, as convocatorias máis inmediatas neste segundo trimestre do ano suman 7 millóns de euros, coa previsión de mobilizar 13 millóns. No ámbito do emprendemento, no segundo trimestre do ano está previsto convocar as axudas do programa Galicia Emprende, con 5 millóns de euros, que se suman ao Galicia Rural Emprende, con 2 millóns de euros, que xa se convocou.

Xunto cos apoios económicos, desde o Goberno galego achéganse facilidades e axilízase a tramitación a través da Lei de simplificación administrativa e de apoio á reactivación económica de Galicia, que establece novos prazos e procedementos.

Unha das ferramentas que se puxo en marcha coa entrada en vigor desta lei é a Oficina Galicia Empresa, desde a que a Xunta atende ás empresas e aos novos proxectos empresariais que se queren asentar en Galicia, onde toman partido todos os departamentos da Administración autonómica. O obxectivo é facilitar o camiño aos emprendedores e ás empresas que queren desenvolver os seus proxectos en Galicia, restando tempos, carga burocrática e duplicidades na tramitación.

A xornada celebrada en Arzúa contou cunha mesa redonda de casos de éxito empresarial con pemes innovadoras da contorna procedentes de distintos sectores, que falaron da súa experiencia como beneficiarios de distintos instrumentos de apoio da Administración para que a empresa mellore a súa competitividade a todos os niveis. Neste caso, a cita con compañías innovadoras reuniu ás empresas Indupanel (Cerceda), líder español na fabricación de paneis de aluminio e PVC, e Toldos Gómez (Arzúa), referente na fabricación de lonas e carpas.