Venres. 19.04.2024

A Xunta de Galicia destinará este ano máis de 26 millóns de euros a dúas novas liñas de axudas en materia de rehabilitación residencial. Trátanse, concretamente, do chamado programa a nivel de edificio, dotado de 22,9 millóns de euros, e do destinado á redacción de proxectos de rehabilitación e para a elaboración do libro do edificio en inmobles xa existentes, cun orzamento previsto de 3,4 millóns de euros.

Así o anunciou en Santiago a conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, no marco dun dos encontros informativos #ConstruíndoFogar organizados polo seu departamento e cos que seguirá percorrendo diferentes comarcas galegas co fin de dar a coñecer entre os seus potenciais beneficiarios o conxunto de subvencións en materia de vivenda que se convocarán ao longo de 2022.

Acompañada polo delegado territorial da Xunta na Coruña, Gonzalo Trenor, e ante máis de 150 representantes municipais, empresarios, profesionais de distintas ramas do sector e veciños dos 25 concellos que integran a área compostelá, Ángeles Vázquez subliñou “a grande oportunidade que suporá para Galicia a trintena de programas que xestionará a Consellería este ano e que permitirán poñer á disposición de particulares, entidades locais e promotores máis de 150 millóns de euros para actuar no eido residencial”.

No caso das dúas liñas de subvención xa mencionadas, explicou que co programa a nivel de edificio o obxectivo é apoiar a mellora da eficiencia enerxética mediante actuacións como a renovación de cubertas e de fachadas de edificios residenciais colectivos e vivendas unifamiliares, sempre que se garanta un aforro mínimo do 30%. O importe máximo será de 30.800 euros, en caso de incluírse a retirada de elementos con amianto.

Así mesmo, a outra liña nova para recuperar inmobles xa construídos prevé incentivos de ata 30.000 euros para a redacción de proxectos de rehabilitación integral e dun máximo de 3.500 euros para a elaboración do libro do edificio, documentación fundamental para garantir unha correcta conservación dos inmobles existentes.

Ademais, estas axudas sumaranse ao programa xa convocado para a rehabilitación a nivel de vivenda, a través do cal se poden financiar pequenas actuacións de eficiencia enerxética, como o cambio de ventás, con axudas de ata 3.000 euros. Esta liña está dotada dun orzamento global de 13,5 millóns de euros e aínda se pode solicitar ata o 14 de outubro