Sábado. 20.04.2024

O teniente alcalde do Concello de Curtis, Antonio Fraga, asume o posto de asesor na área de Medio Ambiente da Xunta de Galicia, ámbito no cal goza de gran experiencia ao exercer como concelleiro de Medio Ambiente no Concello de Curtis nos últimos anos e no que desenvolveu numerosos proxectos nesta materia.

Xa o pasado 11 de abril, Fraga presentou a súa renuncia ao réxime de dedicación exclusiva no Concello de Curtis para asumir este novo cargo e explicaba: “O meu desexo é continuar axudando en todo o que me sexa posible á Alcaldía e ao Equipo de Goberno a prol deste Concello de Curtis, pero tendo en conta a incompatibilidade da miña situación actual coas miñas próximas obrigas laborais debo causar baixa no réxime de dedicación exclusiva”.

Fraga seguirá vinculado ao Concello de Curtis como concelleiro e axudará a desenrolar as accións que se poidan levar a cabo dende o Concello nesta materia grazas ao seu coñecemento e nova responsabilidade.