venres 03/12/21

O portavoz municipal do BNG, Xoán Xesús Carril, explicou que “outra das propostas formuladas pola organización nacionalista ao goberno municipal en relación cos orzamentos do 2021 recolle que se destinen fondos a limpar e adecentar a contorna dos edificios da feira”.

Tal e como explicou Carril,”nestes momentos toda a contorna dos edificios da feira semella un vertedoiro municipal incontrolado. Alí acumúlanse residuos e trastes de todo tipo trasmitindo unha imaxe lamentábel de Arzúa” sinalou.

Desde o BNG consideran que “as naves da feira están infrautilizadas, deben limparse e aproveitarse de mellor maneira para que poidan albergar novos usos e novas actividades que lle virían moi ben a Arzúa para saír do estancamento no que está o noso concello” dixo o portavoz nacionalista.

“Ademais, nesta mesma zona ubícase o Centro de Divulgación do Mel e do Queixo, xestionado pola Asociación Galega de Apicultura, que o alcalde e o seu goberno municipal teñen totalmente esquencido e abandonado cando debería ser potenciado desde o Concello pois é un valor que temos en Arzúa ” sinalou Carril que, engadiu, “o vertedoiro en que o alcalde converteu esta zona da feira espanta a calquera que se achegue por alí”.

Desde o BNG agardan que as propostas realizadas “sexan tidas en conta polo alcalde pois recollen o sentir de moitas veciñas e veciños e están feitas para contribuír a mellorar Arzúa” concluíu Carril en relación coas propostas formuladas pola organización nacionalista para os Orzamentos municipais do ano 2021 que se prevé que sexan debatidos no vindeiro Pleno ordinario, previsto para a última semana de abril.


 


 

comentarios