Venres. 19.04.2024

A Corporación de Boqueixón deu luz verde por unanimidade ao POS+ Adicional para gastos sociais extraordinarios, que supón un investimento de 125.584,38 euros. O acordo ratificouse na sesión extraordinaria na que tamén se deu luz verde -cos votos a favor do equipo de goberno popular e a abstención do grupo da oposición de Veciñ@s de Boqueixón- ao POS+ 2021 e aos proxectos incluídos no POS+ 2021 Complementario.

Con respecto ao POS+ Adicional para gastos sociais extraordinarios, o alcalde boqueixanés, Manuel Fernández Munín, desglosou as distintas partidas incluídas neste plan financiado pola Deputación da Coruña. A maior parte do investimento, un total de 87.584,34 euros, “destinarase a ampliar o servizo de axuda a domicilio en todas as súas modalidades, prestando especial atención á de libre concorrencia. Neste senso, buscamos dar cobertura a aquelas persoas que solicitaron esta axuda no 2020 e que aínda non a teñen resolta. Pola información que nos trasladan dende o Departamento de Servizos Sociais, xa contamos con catro persoas en lista de agarda”, explicou.

Tamén nesta partida se contempla “a posibilidade de crear un servizo de estimulación cognitiva a través de medios telemáticos. Trátase dun novo proxecto no que están a traballar dende o Departamento de Servizos Sociais”, anunciou o alcalde de Boqueixón.

Por outra banda, destinaranse 15.000 euros a ampliar as partidas destinadas ás persoas e familias en risco de exclusión social co fin de asegurar a cobertura de necesidades básicas (vivenda, alimentación, electricidade, gastos médicos ou farmacéuticos...). Con 12.000 euros o POS+ Adicional contempla axudas a familias para facilitar a escolarización. O rexedor indicou que, neste caso, “as partidas se centrarían na adquisición de equipos informáticos e no favorecemento do acceso á internet”.

O Plan complétase cunha partida de 6.000 euros para a adquisición de medios de prevención (EPIS) destinados exclusivamente ao persoal de Servizos Sociais e a persoas usuarias dos programas que non conten cos medios para adquirilos. Finalmente, resérvanse 5.000 euros para utilizar en casos de emerxencia social.

Dende Veciñ@s de Boqueixón valoraron moi positivamente a aprobación do POS+ Adicional. O seu voceiro, Xabier Canabal, solicitou “unha reunión coa traballadora social do Concello co fin de coñecer os detalles sobre este plan”. Un encontro que xa estaba previsto dende o equipo de goberno, xa que, en verbas do voceiro popular, José Manuel Iglesias, “a propia traballadora social nos plantexou esta posibilidade para poder aclarar calquera dúbida que se teña ao respecto da posta en marcha deste plan”.

Fernández Munín aclarou tamén que “a distribución das partidas para os gastos sociais extraordinarios está realizada con criterios técnicos e coa consulta e apoio, entre outros, dos distintos centros educativos de Boqueixón, especialmente naqueles casos nos que se veñen detectando eivas dixitais importantes. Algo que non se pode permitir dados os cambios aos que nos vimos sometidos pola situación sanitaria derivada da COVID-19”.

POS+ 2021 E POS+ 2021 COMPLEMENTARIO

Na sesión extraordinaria deuse luz verde ao Plan POS+ 2021 e aos proxectos incluídos no POS+ 2021 Complementario. No primeiro caso, un total de 263.997,69 euros destinaranse a tres proxectos de mellora nos firmes viarios de 7 parroquias do concello.

Ante as queixas por parte da oposición pola falla de proxectos alén dos mantementos de estradas, o alcalde indicou que “un dos obxectivos cos que traballamos dende que estamos no goberno e no que Veciñ@s de Boqueixón estaba dacordo era a aglomeración das vías transversais co fin de favorecer a vertebración do municipio. Neste senso, estamos a dar pasos significativos, mais cos medios e co orzamento do que dispoñemos, temos que ir pouco a pouco cubrindo as necesidades”. É por iso que dende o executivo boqueixanés consideraron “axeitado destinar estas partidas ao mantemento daqueles viais que precisan arranxos de xeito máis urxente”.

Ao fío, o voceiro popular explicou que “aínda que nos gustaría poder incorporar novos proxectos, a realidade obríganos a acometer estes traballos de conservación. De feito, as obras previstas no POS+ 2021 Complementario tamén van nesta liña. As propostas de actuacións son consecuencia do traballo constante de análise realizado polo equipo de goberno e a selección, en base aos criterios de necesidade, equilibrio territorial e vertebración municipal”.

O POS+ 2021 Complementario contempla un total de 8 proxectos de mellora de firme de viarios nas sete parroquias restantes. O importe previsto para a súa execución rolda os 430.000 euros.