Sábado. 20.04.2024

O alcalde de Oroso, Manuel Mirás Franqueira, anunciou a súa decisión de deixar a alcaldía do municipio no próximo mes de maio, aínda que continuará en política.

“Despois de 38 anos de traxectoria na política local e no Concello de Oroso, creo que chegou o momento de deixar a alcaldía, pero continuarei traballando polo ben do meu concello e de Galicia desde outras responsabilidades”, explica Mirás Franqueira.

“Foi un orgullo ser alcalde de Oroso, durante todos estes anos transformamos o concello grazas á colaboración de todos os veciños e veciñas e doutras forzas políticas, especialmente o BNG; Oroso é hoxe un concello con todos os servizos e ben comunicado, un bo lugar para vivir ou criar un fillo, pero todo ten o seu final o despois de pensalo moito creo que é o momento de dar un paso ao lado e dar paso a xente nova”, sostén.

O nome da persoa que será candidata para substituír a Manuel Mirás decidirase na asamblea local socialista nas próximas datas. “Sempre fixemos así as cousas, serán os militantes os que decidan”, afirma o alcalde.

PRIMEIRO ALCALDE SOCIALISTA EN OROSO

Manuel Mirás Franqueira (1956) encabezou por primeira vez a candidatura do PSdeG-PSOE á alcaldía de Oroso en 1983. Ademais de concelleiro, foi alcalde durante máis de 20 anos.

Foi tamén vicepresidente executivo da Fegamp e presidente da Mancomunidade de Municipios da Comarca de Ordes. Na actualidade, é secretario de Politica Municipal Provincial e membro da Executiva Provincial do PSdeG-PSOE; presidente do Consello Provincial de Alcaldes e Alcaldesas do PSOE, e presidente da Asociación de Concellos do Camiño Inglés.

A nivel orgánico, tivo diferentes responsabilidades na executiva galega do PSdeG, no Comité Provincial, a Executiva Provincial e a Xestora do PSdeG-PSOE.