Martes. 23.04.2024

Os populares de Melide veñen de impugnar as bases de contratación de 2 auxiliares administrativos que a xuízo da formación “non cumpren coa normativa esixida en réxime de emprego público”.

“O bipartito melidense pretende utilizar ferramentas que están expresamente prohibidas na lexislación en materia de persoal para a contratación pola porta de atrás de persoas na Administración, estas bases non contan con informe favorable da secretaría nin da Intervención municipal tal e como se pode desprender dos informes que o grupo popular posúe”, afirma a portavoz popular, Dalia García.

Engade García que “dende outorgar tarefas propias do corpo funcionarial a persoal laboral, cuestión que vén sendo prohíbida tanto pola lexislación autonómica como pola xurisprudencia ata “agochar” nas bases os recursos que se poderán interpoñer contra as mesmas podendo causar indefensión aos interesados ou nomear unha comisión seleccionadora de dubidosa legalidade regulamentaria” son algunhas das causas que apuntan os populares que os levaron a interponer un recurso de impugnación perante o goberno municipal.

O CONCELLO REITERA A LEGALIDADE DAS PROBAS

O Concello de Melide nun comunicado por alusións do Partido Popular afirmou que “o obxectivo do equipo de goberno do concello é claro prestar a cidadanía un nivel axeitado de servizos públicos municipais”.

Apuntan a que “son reiterados os informes emitidos pola secretaría e intervención municipais nos que se pon de manifesto a inxente carga de traballo en varios dos departamentos municipais, carecendo dos medios persoais suficientes para facer fronte coa dilixencia debida á tramitación dos respectivos expedientes administrativos”. Engaden que “para arranxar esta situación, o Concello marcouse como obxectivo a contratación de varias prazas para os departamentos de secretaría, urbanismo e intervención, valéndose das ferramentas legais dispoñibles ao seu alcance, que se atopan reguladas na normativa laboral e de emprego público actual, axustándose ao procedemento que dende o exercicio 2006 se vén aplicando por todos os dirixentes de diferentes cores políticas que gobernaron e gobernan esta entidade local”.