Martes. 23.04.2024

O Roteiro da Fervenza das Hortas é un dos maiores patrimonios inmateriais do concello de Arzúa, un percorrido ao longo dos seus 21 kms ofrece ao camiñante a beleza incomparable da natureza en estado puro. A concellería de Turismo, traballou nos últimos meses no acondicionamento do roteiro que xa nestes días de Semana Santa pon a disposición de todos os visitantes un sendeiro con todas as garantías de seguridade e que permite desfrutar dunha paisaxe de beleza sen igual.

O Roteiro da Fervenza das Hortas (PR-G 19) é o único do municipio que está homologado pola Federación Galega de Montañismo. Conta con esta distinción dende o ano 2015 ao lograr cumprir dende aquela coa normativa existente a nivel de sendeiros.

Ao longo dos máis de 20 kms de percorrido, amosa os recunchos máis fermosos do municipio en plena natureza deixando estampas dunha beleza incomparable; comeza no lugar da Fonte Santa e dende aí e sempre á beira do Río Carracedo achegase á coñecida como Costa da Torrente, de 160 metros de lonxitude e un 30% de desnivel; ao final desta pronunciada pendente divísase un inmenso val que abrangue todo o núcleo urbano de Arzúa e núcleos rurais como Lema e Pastoriza; chega a Maroxo atravesando frondosas carballeiras á marxe mesma do río e achégase ata os Muíños de Roque, atravesa a ponte que hai no lugar e vai ata Brandeso, sempre por camiños tradicionais; así chega ata Viñós onde comeza a vislumbrarse o encoro de Portodemouros, a ruta vai ao carón do embalse ao longo duns 500 metros, pasa pola área de descanso e chega ata o Museo do Mel, dende alí sube ao lugar das Hortas e finaliza na fervenza, lugar no que o goberno local fixo un importante traballo de conservación e mantemento.