Venres. 29.03.2024

O Concello de Cedeira investiu recentemente 25.514,67 euros na compra dun xogo infantil para o patio de area do CEIP Nicolás do Río. A empresa Kaizen Management resultou adxudicataria da contratación, na que se requería un xogo composto por catro torres con rede, pasarelas e pasos, acaído para o seu uso por parte dos nenos e nenas do centro educativo.

Segundo informou o goberno local, o equipamento está xa instalado e en uso no colexio. Foi esta unha das intervencións que o Concello financiou con cargo aos remanentes incorporados ao presuposto deste ano. Xunto con este proxecto, está previsto acometer outro para a mellora das instalacións do CEIP Nicolás do Río: a obra de pavimentación con formigón do patio do Areal, que conta cun orzamento de 29.942,17 euros.

Ao fío destas intervencións, que se suman a outras xa asumidas polo Concello, o alcalde recordou a demanda unánime da comunidade educativa e o pleno da corporación para que a Xunta afronte a cubrición do patio de quinto e sexto de Primaria. Foi unha reclamación que xa foi levada ao Parlamento de Galicia e Moreda Gil apuntou tamén que está á espera de que o xefe territorial de Educación, Indalecio Cabana, lle reciba para tratar este asunto.

O alcalde salientou que esta “é unha demanda que hai que situar no contexto de estreita colaboración que mantén o Concello coa comunidade educativa do colexio, na que a administración municipal ten asumido sucesivas intervencións de mellora das instalacións”.

O alcalde urxiu a Educación para que afronte a obra de cubrición do patio de quinto e sexto de Primaria, para garantir que xa o curso próximo estes rapaces e rapazas poidan gozar do recreo e a saída ao exterior das aulas independentemente da climatoloxía.