Xoves. 25.04.2024

O Concello de Ames contará cunha nova área de auto caravanas en Bertamiráns financiada nun 80% pola Deputación da Coruña. O organismo provincial, consciente da aposta polo turismo do Concello de Ames, considera relevante a aportación económica co fin de potenciar esta tipoloxía emerxente de turismo que terá unha repercusión directa na hostalaría e no comercio do municipio. O convenio entre a Deputación e o Concello de Ames permitirá resolver unha demanda turística nun espazo polo que pasan milleiros de viaxeiros ao ano.

A nova infraestrutura, que se construirá preto do núcleo urbano do Milladorio, contará cunha plataforma habilitada para 15 prazas cunha dimensión de 4 x 7,5 metros para cada unha delas. O aparcadoiro disporá dunha toma para o enchido do depósito de augas limpas e dun sistema de baleirado de augas residuais. Neste caso, as obras contemplan a conexión do saneamento da infraestrutura coa rede municipal e as acometidas para recoller as pluviais en toda a superficie da plataforma de estacionamento. A actuación conta cun orzamento de 50.982 euros, o 80% sufragado pola Deputación, un total 40.786 euros. As obras, segundo o proxecto presentado, terán unha duración de tres meses.