Martes. 16.04.2024

A concelleira Elvira Miramontes lamentou que o goberno de Mato “dea as costas ás mulleres migrantes residentes na nosa cidade ao non escoitar as súas necesidades nin atender as súas demandas”. Así revelou que “o pasado 8M celebrouse unha mesa intercultural de mulleres todas elas procedentes de diferentes países como México, Armenia, Arxentina, Paraguai, Colombia, Venezuela, Perú, Marrocos, Honduras, Brasil... á que non asistiu ningún membro do goberno local a pesar de estar convidados e na que si participamos o Grupo Popular. Lamentamos que as mulleres migrantes non poidan recibir o trato e atención que se merecen por parte do goberno de Mato”.

Dende as filas populares din que “moitas destas mulleres víronse obrigadas a abandonar os seus traballos ao ter que saír dos seus países por temas políticos, hoxe residen cos seus fillos en Ferrol e demandan medidas de inclusión e integración activa para poder ter unha vida digna, así nolo trasladaron ao Grupo Popular na mesa intercultural celebrada. Moitas mulleres migrantes senten desamparadas cando chegan á nosa cidade, xa que non saben onde acudir e ninguén lles informa de nada, salvo as entidades sociais ás que se dirixen porque outras compatriotas remítenas”.

Así este colectivo aproveitou a mesa do 8 M para reivindicar “a igualdade de oportunidades e a igualdade de trato, así como a inclusión a través de bolsas de vivenda, participación, etc.”