Xoves. 28.03.2024

O alcalde e candidato socialista a revalidar a Alcaldía de Oroso, Luis Rey, comprometeuse a construír no centro de Sigüeiro no vindeiro mandato un novo parque infantil cuberto para que os máis cativos dispoñan dun espazo de lecer que poida ser utilizado con independencia das condicións meteorolóxicas.

Luis Rey considera que os parques existentes están “bastante masificados”, polo que valora que habilitar novas zonas de recreo é “unha necesidade urxente”. “Hai moitas familias con nenas e nenos pequenos e vemos necesario habilitar un espazo ao aire libre no que poidan xogar tanto no verán como no inverno”, resalta.

Por tanto, ademais dos diferentes xogos e elementos lúdicos, Luis Rey precisou que este novo parque deberá contar cunha gran pérgola que protexa aos cativos tanto do sol como da chuvia. Segundo apuntou, o custo dunha infraestrutura desta tipoloxía rondará os 180.000 euros e, en canto á posible ubicación, anticipou que barállanse varias alternativas, pero “todas elas bastante céntricas”.

O candidato socialista á Alcaldía de Oroso explicou que este compromiso electoral xorde do “contacto diario coas familias ao longo de todo o mandato, o que permite coñecer moi ben as súas necesidades e demandas” e enmárcase “na filosofía da agrupación socialista de apostar pola configuración dun centro urbano de Sigüeiro máis humanizado e pensado para as persoas”. Neste senso, Luis Rey adiantou que o programa electoral incluirá “propostas concretas” nesta liña.