Luns. 05.06.2023

Economía

Cobre San Rafael inicia as obras do Plan de Restauración Integral das Augas

Cobre San Rafael, empresa que promove a reactivación da produción de cobre na canteira activa situada nos municipios de Touro e O Pino anunciou o inicio das actuacións de restauración integral e definitiva das Augas da Antiga Mina de Touro-O Pino. Cun investimento que supera os 1,9 millóns de euros, este proxecto ambiental responde a unha demanda social para solucionar os pasivos ambientais herdados da antiga mina. Esta cesou a súa actividade hai 35 anos conforme aos estándares da época, que non tiñan o nivel de esixencia actual.

O proxecto de restauración estase xa executando e entrará en funcionamento, nunha primeira fase, en tres meses. Os traballos, incluíndo importantes obras de canalización, e a construción e operación de dúas plantas de tratamento de augas, estarán finalizados ao completo en seis meses.

As empresas promotoras de Cobre San Rafael, Explotacións Galegas e Atalaia Mining, dan así resposta a un intenso proceso de dialogo coas partes interesadas, principalmente a sociedade da contorna da mina, que demandaba a mellora da calidade das augas dos cursos próximos á antiga explotación. É ademais unha iniciativa previa e desvinculada do desenvolvemento dun novo proxecto de aproveitamento dos recursos metálicos que están aínda presentes no subsolo.

Entre outras cousas, o proxecto inclúe a construción dunha gran canle de drenaxe que vai evitar que as augas de choiva penetren no antigo depósito de estériles. Esta instalación, que non foi impermeabilizada no seu momento, almacena os estériles de tratamento da antiga planta de procesado de mineral.

Hoxe, a auga de choiva procedente do norte atravésao, entrando en contacto cos materiais almacenados. A nova canle recollerá a auga antes de que se filtre a través da instalación, mantendo así a súa calidade. Ademais, as empresas están xa acometendo as obras de recollida e canalización de augas que poidan entrar en contacto con minerais, que serán enviadas ata as dúas novas plantas de tratamento de augas. Estas instalacións, en avanzado proceso de fabricación, van procesar as augas ata alcanzar as condicións idóneas para a súa descarga nos cursos naturais.

O proxecto aborda tamén a xestión das augas acumuladas no histórico oco mineiro de Vieiro, que serán bombeadas a unha das plantas de tratamento para optimizar a súa calidade antes de ser devoltas a leito público. Este proxecto forma parte do compromiso real de Cobre San Rafael coa súa contorna social e natural. Unha aposta pola industria sostible que supón a restauración ambiental definitiva das augas da contorna da histórica mina de Touro antes do comezo de calquera outra actividade.

comentarios
Cobre San Rafael inicia as obras do Plan de Restauración Integral das Augas