Luns. 24.06.2024

A subdelegada do goberno na provincia da Coruña, María Rivas, visitou o Concello de Oroso e mantivo unha reunión de traballo co alcalde, Luis Rey Villaverde.

 No encontro, o alcalde explicoulle o proxecto para a construción dun novo pavillón polideportivo, demandando a colaboración do Goberno na posta en marcha da infraestrutura.

 Ademais, na reunión falaron doutros temas como o desenvolvemento de chan industrial en Oroso e a colaboración que ambas administracións manteñen en materia de seguridade.

 Por outra parte, o servizo de obras da Demarcación de Estradas da Delegación do Goberno continuará cos traballos de mellora e acondicionamento das vías de servizo e as pistas de acceso á N-550 no Concello de Oroso.

 “Quero agradecer a visita e a receptividade da subdelegada ás nosas demandas, como xa fixeron recentemente con outros proxectos como a remodelación da rotonda da Foca”, afirmou o alcalde, Luis Rey.

 VIVENDA

A subdelegada do Goberno, María Rivas, destacou na visita que o Executivo que preside Pedro Sánchez concederá unha axuda de ata 10.800 euros para aqueles mozos e mozas que decidan adquirir unha vivenda para uso habitual en municipios de menos de 10.000 habitantes, como é o caso de Oroso.

Esta subvención terá unha axuda de ata 360 euros ao mes naqueles casos en que se opte polo alugueiro dunha vivenda en vez da compra. Os beneficiarios e beneficiarias serán aquelas persoas que no momento de solicitar a axuda teñen 35 anos ou menos.