Luns. 29.04.2024

O presidente e candidato do PPdeG á Presidencia da Xunta, Alfonso Rueda, anunciou a construción dun centro para persoas con alzhéimer no antigo Hospital de Calde de Lugo e salientou o impulso que viviu o Hospital Público Lucus Augusti nestes últimos anos, co investimento de máis de 11 millóns de euros na instalacións de novas tecnoloxías para o tratamento de enfermidades como o cancro ou o ictus que evitaron o desprazamento de 1.500 persoas só no último ano.

Así mesmo, cualificou de “incrible” que o orzamento para o proxecto de Altri procedente dos fondos europeos “siga metido no caixón dun ministerio” e animou a “seguir empuxando para que chegue investimento a estes grandes proxectos e aproveitar as oportunidades que ofrecen estas novas iniciativas industriais.

Nun almorzo celebrado en Lugo con representantes de todos os ámbitos da sociedade lucense, Alfonso Rueda salientou que a Xunta investiu nesta cidade nos últimos anos 410 millóns de euros —91 millóns en actuacións sociosanitarias; 133 millóns en infraestruturas e equipamentos; e 185 millóns en accións para impulso da economía —, ao que se engaden outros 247 millóns en iniciativas que se atopan en marcha.

En concreto, o presidente do PPdeG fixo unha especial referencia ao investimento realizado en materia sanitaria e, sobre todo, na dotación de novas tecnoloxías ao Hospital Lucus Augusti: 2,5 millóns de euros na instalación dun equipo PET, que xa evitou o desprazamento a Santiago ou A Coruña de 1.500 pacientes o pasado ano; 2 millóns de euros nunha sala de neurorradioloxía para a posta en marcha dunha unidade de ictus en Lugo; ou os máis de 7 millóns que supuxo a dotación do robot cirúrxico Da Vinci, un TAC de tecnoloxía espectral ou un novo mamógrafo con tomosíntese e imaxe 3D. Ademais, en 2022 comezou a funcionar no HULA un hospital de día de saúde mental infantoxuvenil para ofrecer terapias intensivas e evitar ingresos de rapaces.