Domingo. 28.04.2024

A candidata á Presidencia, Ana Pontón, mantivo un encontro na Illa, en plena Ría de Arousa, unha das máis ricas e produtivas de Galicia, con profesionais da pesca o do marisqueo aos que avanzou as medidas do programa do goberno do BNG  para o sector do mar, co que se comprometeu a traballar “man a man” para que Galiza siga sendo un referente neste eido, clave para a economía galega.

“Comprométome a ser a presidenta que recupere o sector do mar e que dea á súa xente a confianza suficiente para saber que neste sector vai ter futuro”, asegurou.    

Pontón destacou en primeiro lugar a posta en marcha dun Plan estratéxico de recuperación das rías -financiado con recursos propios pero tamén do Estado e da UE- para facer fronte á “brutal” perda de produtividade, que afecta aos bivalvos pero tamén ao mexillón, o percebe, o polbo ou os crustáceos, perda de produtividade que en algunhas especies está por riba do 80%.

“A próxima lexislatura ten que ser a da rexeneración das rías”  subliñou a candidata, para quen a recuperación de produtividade é fundamental na supervivencia do sector do mar, que nos últimos quince anos sufriu o “abandono” do PP malia que da traballo a 64.000 persoas e supón o 4,8 % do PIB galego. “Ante a perda continuada e drástica de produtividade, o Goberno do PP só responde con negacionismo persistente e recortando orzamentos”, denunciou.

Fronte á inacción ante un problema que está causando no sector grandes perdas, a alternativa do BNG pasa, entre outras medidas, por regular o baleirado dos encoros para non prexudicar á produción das rías ou impulsar sementeiras públicas e mixtas, que permitan ter semente propia e non depender tanto do exterior, garantindo ademais o subministro para especies autóctonas.

AXUDAS 

Pontón incidiu na necesidade de garantir ás mariscadoras e ós mariscadores “rendas dignas” e, neste sentido, avanzou varias propostas, entre as que destacou a creación dun seguro público que cubra as perdas eventuais de produción. Igualmente, propón a ampliación das axudas individuais ata acadar o salario mínimo interprofesional (SMI) para cada mariscador/a ata que recupere o ritmo de traballo e de ingresos habitual e evitar que siga en aumento o abandono desta actividade. Ademais, comprometeuse a reclamar do Estado unha redución nas cotizacións á Seguridade Social para este colectivo.