Luns. 29.04.2024

A portavoz nacional Ana Pontón, subliñou que o “grandísimo apoio recibido nas eleccións do domingo consolidan ao BNG como alternativa de futuro e a única forza capaz de disputarlle a hexemonía ao PP en Galiza. Nada volverá a ser igual, porque Galiza xa mudou e o BNG é unha forza política sólida sobre a que construír un futuro diferente”, asegurou.

Pontón compareceu tras a reunión da Executiva do BNG para facer unha valoración dos resultados das eleccións do 18-F, que confirman que “o Bloque non ten teito”, como evidencia que por segunda vez consecutiva acadase un resultado histórico tanto en número de votos como de escanos. “Hai un BNG que sigue avanzando e esa é a clave para que este País teña alternativa”, destacou.

Como xa fixera na noite electoral, agradeceu o apoio de miles de galegos que ven no BNG a alternativa para construír un País mellor e que demostran que  “non acabou nada, senón que empezou un novo ciclo no que o Bloque é o referente de todas as persoas que cren que hai outra Galiza posible e que non se conforman coa Galiza en pequeno que nos deixa o PP”.

Segundo dixo, tras as eleccións do domingo o cambio “está máis cerca” e por iso comprometeuse a canalizar toda a ilusión dos galegos que confiaron no BNG, liderando a oposición que permita o cambio político no futuro. 

Aínda que recoñeceu que o Bloque non acadou o seu gran obxectivo nestas eleccións, Pontón salientou  “o enorme caudal de esperanza” xerado en torno ás súas siglas, que se traduce en máis de 460.000 votos, case 157.000 máis que nos anteriores comicios. Case un de cada tres cidadáns que acudiron ás urnas o domingo escolleron a papeleta do BNG, que nestas eleccións acadou ademais o “fito histórico” de situarse como primeira foza en Vigo.

“As grandes transformacións na sociedade adoitan levar máis tempo, pero é evidente que neste País xa cambiaron as cousas, e o cambio chegará”, considerou, convencida de que “toda esa enerxía en torno ao BNG vai frutificar no futuro”.  Avanzou, neste sentido, a determinación do Bloque por continuar “ensanchando” a súa base electoral sumando apoios en torno á alternativa que representa e achegándose a sectores sociais cada vez máis amplos.

 “Somos un BNG  máis fortalecido, con máis ilusión, máis ganas e máis empuxe que nunca para seguir defendendo a este País e á súa xente”, recalcou.