Venres. 03.05.2024

A portavoz nacional, Ana Pontón, fixo público nun acto celebrado en Santiago de Compostela que será a candidata á presidencia da Xunta de Galicia polo Bloque Nacionalista Galego nas eleccións do vindeiro ano 2024.

Pontón subliñou que “esta non será unha campaña máis porque estamos ante as eleccións máis importantes das última décadas cun BNG convertido na alternativa real ao PP, preparado para gobernar Galicia”

Ana Pontón

Foto Mónica  Montero
Ana Pontón Foto Mónica Montero

“Ser a candidata do BNG á Presidencia da Xunta é unha honra e unha enorme responsabilidade, e quero dicirlles a todas as persoas que queren cambio que son a súa candidata, non importa o que votaran noutras eleccións, hai moitas maneiras de sentirse galego, de sentirse galega e todas son necesarias para abrir un tempo novo”, explicou. Pontón incidiu en ser a candidata “desa maioría que sabe que o futuro pode ser mellor se confiamos nas nosas propias forzas, porque o futuro gáñase desde o amor e desde a confianza no que somos, como País e como pobo”.

O acto estivo conducido pola presentadora Beatriz Campos, que abriu a alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín, e na que tamén tomaron a palabra militantes e simpatizantes como Mercedes Veites, emprendedora do téxtil desde o rural, Miguel López, médico, Rocío Barreiro, do sector da ciencia, Fran Quiroga, do ámbito da cultura e Beatriz Fernández, traballadora de DomusVi.

PREPARADAS PARA GOBERNAR” DI PONTÓN

Ana Pontón indicou que “o proxecto solvente do BNG para construír un país mellor, a favor da xente, das familias, da clase traballadora e do tecido produtivo e empresarial do País. Estamos preparadas para gobernar desde o rigor, a solvencia e o realismo sen perseguir imposible nin prometer o que non poidamos cumprir, con propostas para transformar e capacidade para levalas adiante”.

Neste sentido, a candidata á Presidencia esbozou as prioridades dun goberno do Bloque, empezando por reforzar os servizos públicos, -sanidade, educación, o coidado das persoas maiores-; apostando por darlle futuro á xente moza, o apoio aos sectores produtivos tendo claro que a ciencia e a innovación son claves para unha economía que xere riqueza e emprego de calidade a través do coñecemento, non da precariedade e dos baixos salarios.