Apple selecciona ao psicopedagogo Antonio Reyes entre os mellores docentes do mundo polo uso das novas tecnoloxías nas aulas
Cada dous anos, Apple organiza os premios do programa Apple Distinguished Educator (ADE), unha iniciativa coa que a compañía fai un recoñecemento aos mellores profesores e docentes a nivel mundial polo uso das novas tecnoloxías nas aulas. Nesta edición, 2023, o psicopedagogo e docente galego, Antonio Reyes Sánchez, foi un dos seleccionados que recibirán este prestixioso recoñecemento.
Antonio Reyes, cunha traxectoria profesional de máis de 18 anos exercendo como psicopedagogo e director do centro de FP de PREMIR, conta tamén cunha labor divulgativa moi extensa en materia educativa. Na actualidade, máis de 37000 docentes seguen a súa canle de Youtube, cun nivel de descargas moi preto dos tres millóns. Dita canle, é a evolución do seu blog Gigas de Tiza, recoñecido como un dos dez mellores de España no ano 2015.
Os docentes seleccionados de América, Asia e Europa, e de Oriente Medio, compartirán as súas experiencias o vindeiro verán nos diferentes encontros organizados nas cidades de Dallas (EUA), Queensland (Autralia) e Londres (Reino Unido), e onde recibirán os seus recoñecementos. Non hai datos aínda de cantos docentes foron seleccionados, máis en anteriores edicións foron preto dun centenar, unha cifra que se incrementará xa que o ADE non se celebrou durante a pandemia. En España, adoitan elixir entre 2 e 5 docentes.
Tal e como explica o xigante tecnolóxico, o programa ADE naceu no ano 1995 coa finalidade de premiar e recoñecer aos docentes pioneiros no emprego das TIC para tranformar os procesos de ensino na educación primaria, secundaria e superior. As persoas seleccionadas, aseguran, son líderes educativos que demostran o seu compromiso coa excelencia na educación e o uso innovador da tecnoloxía nas aulas.