Venres. 26.04.2024

Cada dous anos, Apple organiza os premios do programa Apple Distinguished Educator (ADE), unha iniciativa coa que a compañía fai un recoñecemento aos mellores profesores e docentes a nivel mundial polo uso das novas tecnoloxías nas aulas. Nesta edición, 2023, o psicopedagogo e docente galego, Antonio Reyes Sánchez, foi un dos seleccionados que recibirán este prestixioso recoñecemento.

Antonio Reyes, cunha traxectoria profesional de máis de 18 anos exercendo como psicopedagogo e director do centro de FP de PREMIR, conta tamén cunha labor divulgativa moi extensa en materia educativa. Na actualidade, máis de 37000 docentes seguen a súa canle de Youtube, cun nivel de descargas moi preto dos tres millóns. Dita canle, é a evolución do seu blog Gigas de Tiza, recoñecido como un dos dez mellores de España no ano 2015.

Os docentes seleccionados de América, Asia e Europa, e de Oriente Medio, compartirán as súas experiencias o vindeiro verán nos diferentes encontros organizados nas cidades de Dallas (EUA), Queensland (Autralia) e Londres (Reino Unido), e onde recibirán os seus recoñecementos. Non hai datos aínda de cantos docentes foron seleccionados, máis en anteriores edicións foron preto dun centenar, unha cifra que se incrementará xa que o ADE non se celebrou durante a pandemia. En España, adoitan elixir entre 2 e 5 docentes.

Tal e como explica o xigante tecnolóxico, o programa ADE naceu no ano 1995 coa finalidade de premiar e recoñecer aos docentes pioneiros no emprego das TIC para tranformar os procesos de ensino na educación primaria, secundaria e superior. As persoas seleccionadas, aseguran, son líderes educativos que demostran o seu compromiso coa excelencia na educación e o uso innovador da tecnoloxía nas aulas.