Sábado. 27.04.2024

Todas as que compoñemos o BNG de Melide temos a forza e honestidade que nos deixaron en herdanza as persoas que encabezaron por primeira vez a nosa candidatura en 1995, pois moitas delas seguen a camiñar ao noso carón.

Estamos fartas de ver o estancamento no que se encontra o noso pobo, xa que levamos dende o 2011 sen ver proxectos de mellora e avance, mentres os concellos da contorna medran en todos os sectores da sociedade.

A día de hoxe podemos afirmar que o rural de Melide está totalmente abandonado por parte do goberno municipal, o mesmo acontece co Río Furelos, sendo inadmisible a situación na que se encontra.

Xesús Pereira López, candidato a alcaldíade Melide
Xesús Pereira López, candidato a alcaldíade Melide

Debese por xa enriba da mesa unha solución , tanto por parte do Concello como da Consellaría de Medio Ambiente, que poña fin as verteduras que sofre o noso río. Pois se queremos un Melide mellor temos que darlle á veciñanza a garantía dun baño apto na praia fluvial, sen poñer en risco a súa saúde.

Consideramos, tamén, que é unha vergoña por parte do consistorio municipal o seu trato á mocidade, esta non é escoitada e son moitas as familias que teñen que ver aos seus fillos marchar aos concellos veciños para poder estudar un ciclo de formación profesional, por causa de non ter opcións na nosa vila.

Para nós é inaceptábel comprender a política como acto de lucro persoal e iso é o que está a acontecer na actualidade, pois vímolo claramente no que respecta á ampliación de terreo industrial, prexudicando claramente ó sector empresarial e industrial do noso municipio.

Iván Combo López, número 2 da lista do BNG ao concello de Melide
Iván Combo López, número 2 da lista do BNG ao concello de Melide

O mesmo está a acontecer coa piscina, a cal se está a usar de ferramenta política, mentres esta segue pechada e os veciños privados de poder desfrutala.

Nós temos moi clara a idea de que Melide Merece Máis e por iso que o BNG traballará, tanto sexamos goberno ou oposición, por e para Melide.

Dándolle a nosa veciñanza a oportunidade dun emprego digno no noso pobo, pois loitaremos por un Melide con terreo industrial para que cheguen novas empresas a el.

Desenvolveremos proxectos de repoboación nas nosas aldeas e crearemos unha harmonización real entre a vila e o rural. Protexeremos e poñeremos en valor os nosos monumentos históricos, pois non se pode consentir a mala praxe que se está a cometer día a día no cruceiro, nin as obras realizadas na Ponte de Furelos.

Traballaremos por melloras sociais, así como a dotación aos centro de educación dun psicólogo ou a garantía dun teito para todos os nosos veciños.

Alba López Regueiro, no posto número 3 da lista do BNG ao concello de Melide
Alba López Regueiro, no posto número 3 da lista do BNG ao concello de Melide

Buscaremos ampliar as coberturas que ofrece o centro de saúde así como a ampliación de prazas na residencia de maiores. Apoiaremos firmemente a cultura local e na nosa lingua dándolle maior visibilidade.

Dotaremos de axudas ao pequeno comercio da nosa vila. Pero por enriba de todo, teremos un Melide cunha depuradora de augas residuais e un Río Furelos libre de verteduras.

Polo que apoiar ao BNG é garantía de melloras, porque dende o BNG sementaremos proxectos para recoller todos os soños que a nosa veciñanza merece.