Sábado. 27.07.2024

Os residentes e as residentes na parroquia amiense de Bugallido están de noraboa. Estes días pasados comezaban as obras de pavimentación da estrada no núcleo de Eirapedriña, onde se vai mellorar a capa de rodaxe, ampliarase o ancho do firme e construirase unha senda peonil de 280 metros nun dos tramos. En total vanse investir 157.300 euros, IVE incluido, nun proxecto financiado polo programa POS+ 2021 da Deputación da Coruña.

Estamos diante dunha actuación moi agardada, e de feito debera estar xa rematada hai tempo de non ser porque a primeira empresa adxudicataria non executou as obras. Esta circunstancia obrigou a ter que licitar de novo o expediente. As melloras levaranse a cabo dende o acceso a Framán ata o límite co concello de Brión.

A estes traballos sumaranse en breve as obras de pavimentación de viarios no núcleo de Mourigade, tamén pertencente á parroquia de Bugallido, por un importe de 167.635,28 euros. Incluidas no POS+ 2023, estas actuacións mellorarán o firme do viario e tamén servirán para acondicionar o seu acceso polo norte, que na actualidade conta cun pavimento de material granular.

En contrapartida, as obras que se estaban levando a cabo en Buceleiras tiveron que ser paralizadas, pola cesión de espazos adxacentes aos camiños interiores onde se estaban executando. Desde o Concello estase tramitando un proxecto de expropiación para poder continuar cos traballos.