Sábado. 27.07.2024

O Concello de Santiago aprobou  o texto do convenio de colaboración entre o municipio e a entidade Fundación Monte do Gozo para este ano pola contía de 45.000 euros. Esta achega municipal destinarase ao desenvolvemento do "programa de cocaína", unha iniciativa que desenvolve Proxecto Home Galicia desde o ano 2000 e que está dirixido a persoas adictas a esta substancia.

O obxectivo é facilitar o proceso de cambio condutual, emocional e cognitivo necesario para lograr a abstinencia do consumo de drogas, a autonomía persoal e a integración social. O programa desenvólvese en varias fases: unha avaliación biopsicosocial inicial, desintoxicación e estabilización médica, intervención psicolóxica, apoio social e familiar, desenvolvemento de habilidades para o afrontamento e prevención de recaídas, inserción sociolaboral e apoio continuo.

Tamén se deu luz verde a dous convenios de colaboración para este ano entre o Concello de Santiago e a Asociación de Dano Cerebral de Compostela SARELA, por unha contía de 5.000 euros para financiar o programa de actividades acuáticas e outras actividades de autocoidado para persoas coidadoras; e un segundo coa Federación Galega de Judo e Disciplinas Asociadas por un importe de 6.000 euros.