Sábado. 27.07.2024

A Asociación de Empresarios e Empresarias da Terra de Melide (Asetem) celebra este venres, 7 de xuño, a Noite Aberta do comercio local con máis de 500 premios.

Nesta campaña participan 28 comercios asociados; Leivamotosport, Calzados Broz, Óptica Tábora, Mis Mejores Labores, Electrosan, Sakho Moda, Mercería Isabel, Magnin, Goalkers, Juifi, Xoiería Roval, Toysmaniatic, Óptica Alain Affleou Melide, Pro Diva, Cafetería – Pastelería Estilo, SportModa, Borboriños Xeados, Marvi, Pasarela Moda, Xoería Roval, Romero Zapaterías, Flor de Toxo, Sueños e El Dándolo, Parafarmacia Ulloa, Xoiería Oro Ley, Colorín Colorado, Creaciones MJ e Muxica Tenda Xoven.

Estes establecementos contarán con descontos e ofertas especiais dende as 10:00 ata as 22:00 horas, de xeito ininterrompido. Todas as persoas que compren nestas tendas durante a xornada poderán participar na “Choiva de Globos da Noite Aberta”, que repartirá máis de 500 premios. Este acto terá lugar o propio venres ás 22:30 horas, na Praza do Convento, e contará cun animador.

Para participar, as persoas que merquen durante o venres nos comercios locais terán que amosar o tícket dese día e poderán coller os 1.500 globos, entre os que haberá máis de 500 cunha tarxeta con premio, cedidas por diversas empresas e comercios, entidades colaboradoras e Asetem.

Ademais, con motivo da Noite Aberta, a través da APP de Asetem sortearanse varios vales de compra, cun importe total de 200 euros, para gastar nos establecementos de proximidade asociados á entidade empresarial. Para participar neste sorteo é preciso que a clientela suba os tíckets de compra do 7 de xuño á aplicación.

Con todas estas iniciativas, esta edición da Noite Aberta do comercio local repartirá preto de 5.000 euros en premios, converténdose na segunda campaña con maiores premios en termos económicos, só por detrás da iniciativa ‘Este Nadal toca en Melide’.

A finalidade da Noite Aberta é promover e impulsar o comercio local melidense xusto ao comezo do verán, así como animar á poboación a mercar nos establecementos da vila.