Sábado. 27.07.2024

Os conductores que transitan polas estradas e autovías galegas coñecen de primeira man o deficitario estado no que se atopan moitas delas. Logo de non poucas reclamacións, o Consello de Ministros autorizou a licitación dun contrato de servizos, por 22,6 millóns de euros máis IVE, para a conservación e explotación de estradas do Estado na provincia da Coruña. A duración do mesmo será de 3 anos coa posibilidade de prórroga de 2 anos e outra adicional dun máximo de 9 meses.

Que se vai facer con eses cartos? Vaise actuar sobre 157 quilómetros de estradas e 40 de autovías en toda a provincia. Entre outras cousas mellorarase o firme e repintaranse as marcas viais. Tamén se recollen actuacións como a vixilancia e atención de accidentes, a vialidade invernal, o servizo de control de tuneis e comunicacións e o mantemento de instalacións.

Os traballos afectarán, entre outras, ás estradas SC-20 de Santiago, onde se vai actuar en 10 quilómetros, á SC-11, a outra circunvalación, e á SC-21 que leva ao aeroporto internacional Rosalía de Castro. Executaranse igualmente actuacións de repintado na autovía A-54 entre Lugo e Compostela, na estrada nacional N-550 que comunica a capital galega coa cidade da Coruña, na N-525 cara a Ourense, na N-547 cara a Lugo e na N-634 cara ao norte de España.

As ofertas das empresas interesadas en levar a cabo estas obras deben incluir nelas o cálculo da pegada de carbono que van xerar durante a execución do contrato en cada tramo da estrada. Tamén se terán que comprometer a presentar un plan de descarbonización nos seis primeiros meses de contrato con medidas redutoras e de compensación de emisións para conseguir un balance neutro en carbono aos cinco anos desde o inicio do contrato.

Segundo explica desde o Ministerio de Transportes e Mobilidade Sostible, o modelo de contratos mixtos (servizos e obra) para a execución de operación de conservación e explotación na Rede de Estradas do Estado, busca ofrecer un servizo integral de mobilidade ao usuario, mellorar o estado da estrada e da rede, e optimizar os recursos públicos.