Sábado. 27.07.2024

Levar a cabo actuacións que permitan atender aos cativos e cativas dun xeito responsable. Ese é o obxectivo da iniciativa que vén de suxerir o PP de Santiago, que reclama a posta en marcha dun Plan Municipal de Infancia e Adolescencia. Unha iniciativa que, segundo o Partido Popular, debera promover o benestar deste sector da poboación, desenvolvendo os seus dereitos, a súa autonomía persoal e a súa integridade.

En opinión de Borja Verea, “falamos dun instrumento de planificación das accións e iniciativas do goberno municipal para desenvolver cos e para os nenos e adolescentes, no que destaquen, sobre todo, a protección, a prevención e a participación”. Entre os obxectivos da iniciativa destacan a defensa e promoción dos dereitos da infancia e adolescencia, a garantía da súa participación, e a prestación de apoio ás familias, con especial atención a aquelas que se atopen en situación de dificultade social.

Verea, que tamén propón que Santiago forme parte da rede de “cidades amigas” da infancia promovida por UNICEF, considera que “o Santiago do futuro precisa dunha xuventude preparada e consciente dos seus dereitos e obrigas, polo que a voz das nenas e nenas e dos adolescentes ten que ser oída no ámbito público municipal e as súas inquedanzas e opinións deben ser tidas en conta, tanto na avaliación das actuacións realizadas, como na programación futura”.

Para o PP, o camiño para a consecución dese obxectivo pasa polo “desenvolvemento de programas municipais para a sensibilización con respecto ao bo trato na infancia e adolescencia, así como a coordinación entre os distintos axentes que están en contacto con eles, co fin de acadar unha detección precoz de situacións de desprotección, vulnerabilidade ou risco, ámbito no que a intervención preventiva comunitaria é fundamental”.

A elaboración do referido plan, conclúe, debe contar coa participación e corresponsabilidade da rapazada e coa colaboración das entidades do tecido social que traballan a favor dela.