Sábado. 27.07.2024

Se todo vai segundo o previsto, dentro de seis meses estarán concluidas as obras de ampliación das redes de abastecemento e saneamento ao núcleo do Canedo desde O Mesón do Vento, en Ordes. A Xunta acaba de licitar esta actuación por un orzamento de 680.827,26 euros, IVE incluído. O obxectivo da mesma é substituír as traídas veciñais e os pozos particulares existentes, por unha rede común que garanta un axeitado control sanitario e facilite os labores de mantemento e limpeza das instalacións.

No tocante ás obras na rede de abastecemento, inclúen a instalación de 2.500 metros de tubaxe de 75 milímetros de diámetro para a rede principal, e 315 metros de tubaxe de 63 milímetros de diámetro para os ramais secundarios. A maiores, para completar a rede, empregaranse outros elementos como válvulas de comporta, ventosas de triplo efecto, válvulas de baleirado e unha válvula redutora de presión, xunto coas correspondentes arquetas para o seu óptimo funcionamento.

Por outra banda, os traballos para implantar a rede de saneamento supoñen a colocación de 1.470 metros de tubaxe de 315 milímetros de diámetro e 110 metros de tubaxe de 250 milímetros de diámetro, así como distintos pozos de rexistro prefabricados. Tamén se instalará un pozo de bombeo prefabricado que estará conectado á fosa séptica existente mediante unha canalización de 1.300 metros de tubaxe de 90 milímetros de diámetro. A eles engádense 110 metros máis de canles de 400 milímetros de diámetro para os sumidoiros e leitos de recollida de augas pluviais.

Dacordo coas estimacións da Xunta, estas actuacións van permitir dar un servizo axeitado aos veciños e veciñas do Canedo cun horizonte temporal que vai ata o ano 2045.

As obras afectarán á estrada nacional N-550, polo que o contrato tamén inclúe a reposición dos pavimentos e superficies afectadas. De feito, nas vindeiras semanas vaise sacar a licitación outro contrato para o servizo de asistencia técnica á dirección facultativa da obra, e outro do servizo para o desenvolvemento de actividades preventivas e accións de coordinación empresarial. Os dous suman un importe de licitación de preto de 70.000 euros.