Sábado. 27.07.2024

O Concello de Ferrol aprobou a principios de maio o proxecto de reparación e substitución da galería grande do local da asociación de veciñanza da Graña, procedendo agora á licitación do contrato. Segundo explicou o alcalde ferrolán, José Manuel Rey Varela, o obxecto é a execución das obras de restauración da galería para garantir a súa estabilidade estrutural, mellorar as condicións actuais de habitabilidade e recuperar, na medida do posible, o aspecto orixinal dunha parte importante do inmoble protexido. Para iso, actuarase na estrutura, carpintería exterior e vidreira, solados, falsos teitos, instalacións, illamentos, acabados e cuberta.

Así mesmo, realizaranse outros traballos como a reparación integral da superficie dos cinco piares, que se lixarán, repararán e se lles aplicarán os tratamentos necesarios antes de proceder ao pintado. Tamén se actuará no falso teito, que se atopa en mal estado, e no que se instalará unha nova iluminación, substituíndo os focos fixados á estrutura de madeira por focos espetados.

Este proxecto foi inicialmente incluído na solicitude do POS Complementario de 2020, pero quedou sen financiamento, polo que agora sairá adiante cun investimento de 169.839,23 euros e xa conta coa autorización da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural. O prazo de execución dos traballos está previsto en seis meses.