Sábado. 27.07.2024

O Concello de Ferrol  licitou a redacción do Plan Especial de Protección e Rehabilitación de Ferrol Vello, barrio declarado Ben de Interese Cultural, coa categoría de conxunto histórico pola Consellería de Cultura e Turismo. A lei do Patrimonio Cultural de Galicia establece a obrigatoriedade, para o Concello en cuxo territorio se atope, de redactar un plan especial de protección do ben e dispor dunha ordenación urbanística adecuada que permita compatibilizar un axeitado uso urbanístico do territorio coa protección dos valores históricos e culturais que alberga.

O alcalde de Ferrol, José Manuel Rey Varela, explicou que en febreiro de 2022 o Tribunal Supremo ditou unha sentenza pola cal se declara a nulidade de pleno dereito do Plan Especial de Protección e Rehabilitación de Ferrol Vello PE-2-R, aprobado definitivamente por acordo do pleno municipal o 16 de decembro de 2015. Este plan, revisado e actualizado, servirá de base para a elaboración do novo PE-2-R, para cumprir coa lei.

O ámbito do Plan Especial inclúe o declarado Ben de Interese Cultural, cunha extensión superficial de 10,53 hectáreas, das que 4,29 correspóndense propiamente a zonas histórico-artísticas; e 6,24 hectáreas á zona de respecto, ao que se incorporan aqueles espazos e edificacións de interese patrimonial, como o campo de San Roque, a igrexa de San Francisco, a Capitanía Xeral ou os xardíns de Herrera, que representan o espazo de relación co conxunto histórico do barrio da Magdalena.

A licitación establece un prazo total de execución do contrato de 12 meses, dividido en dous meses para os documentos de inicio, seis meses para documentos de aprobación inicial, un mes para o informe de alegacións, dous meses para aprobación definitiva e un mes para o documento final.

Este novo plan permitirá darlle cumprimento a proxectos do Goberno local en Ferrol Vello, como a casa de Carvalho Calero, a pista polideportiva do IES Ferrol Vello, maiores facilidades para rehabilitar, novos espazos verdes e peonís e facilidades para aparcar.

O orzamento base de licitación do contrato ascende á cantidade de 84.700 euros.