Sábado. 27.07.2024

O Concello de Santiago solicitará á Xunta a creación de 29 novas licenzas de taxi para o municipio, a metade para vehículos adaptados, e impulsar unha modificación lexislativa para permitir crear licenzas temporais. Ademais, a xunta de goberno local aprobou remitir á Consellería de Vivenda e Planificación un estudo de mobilidade específico para xustificar a solicitude.

Segundo o concelleiro de Mobilidade, Convivencia e Centros Socioculturais, Xan Duro, Santiago "cumpre a ratio legal dunha licenza por cada 1.000 habitantes, pero a realidade é que existen datos oficiais e evidencias que demostran que a oferta é insuficiente para atender a demanda real deste servizo". Neste sentido, aluden a características específicas da cidade para reclamar o aumento de licenzas, como a capitalidade, a presenza de servizos públicos relevantes como os universitarios e sanitarios, o impacto do Camiño de Santiago e do turismo, en particular do turismo de congresos; a dispersión da poboación e as condicións climatolóxicas.

Aínda que a lexislación que regula o transporte público de persoas en vehículos de turismo de Galicia fixa a ratio de licenzas de taxi en función da poboación residente, a administración local solicita que se teña en conta a poboación vinculada, é dicir, a que ten algún tipo de relación presencial estable. Segundo o concelleiro de Mobilidade, por cada 100 persoas residentes no municipio, hai outras 77 con vínculos na cidade por estudos, traballo e outras causas.

Actualmente en Compostela hai 144 taxis, tres menos que e 2013. Segundo explicou o edil, nese ano Santiago tiña 96.000 habitantes, 2.000 menos que na actualidade, ademais do aumento de visitantes vencellados ao Camiño de Santiago, o turismo e os usuarios do aeroporto. Pola outra banda, salienta que o informe sobre os servizos realizados a través de Radio Taxi demostra que pasaron de 212.000 carreiras en 2016 a máis de 360.000 en 2022.

DISCREPANCIAS NO SECTOR DO TAXI

Pola súa banda, os colectivos profesionais do sector do taxi de Santiago discrepan sobre a postura do Concello. Dende a Asociación Radio Taxi de Compostela manifestaron que o número solicitado é excesivo, mentres que a Asociación de Asalariados do Taxi considérano axeitado ou incluso insuficiente.

O presidente de Radio Taxi Compostela, Jesús García, tachou de “inviable” sumar 29 licenzas novas, xa que en inverno sería “unha ruína para o sector”. Segundo indicou, están regulando paros obrigatorios de dous ou tres días por semana “porque non collemos nas paradas”, situación que se vería agravada se aumentara o número de licenzas. Neste senso, considera máis aceptable a proposta de conceder licenzas temporais para as épocas de maior afluencia na cidade. Non obstante, criticou a falta de entendemento co consistorio, xa que “levamos dende outubro de 2020 poñendo solucións enriba da mesa e aportando documentación, pero é unha perda de tempo, as reunións non serviron para nada”, sentenciou o presidente de Radio Taxi Compostela.

En canto á Asociación de Asalariados do Taxi, o seu presidente, José Gutiérrez, declarou que farían falta 33 novas licenzas e engadir polo menos outras 50 temporais en tempada alta. Así e todo, matizou que as licenzas temporais teñen un problema, xa que habería que mercar un coche e atopar un condutor, algo complicado para os postos fixos, pero aínda máis cando se trata dun servizo temporal.