Sábado. 27.07.2024

O auditorio municipal Constante Liste foi o escenario do acto, que presidiu a alcaldesa Lucía Calvo, de nomeamento dos novos Fillos Adoptivos do Concello de Teo. Unhas mencións que “permiten vencellar directamente Teo coa cultura, dando a coñecer o concello ao resto do mundo”, indicou a rexedora e precisou que por iso “cómpre preservar o legado destes ilustres veciños, vencellados para sempre dende hoxe ao municipo teense”.

A escritora Paula Carballeira, o artista plástico Manuel Quintana Martelo e Víctor Manuel Vázquez Portomeñe un dos coartífices da Autonomía de Galicia, foron os nomeados como novos Fillos Adoptivos do Concello de Teo, unhas mencións que foron aprobadas polo Pleno municipal, a iniciativa da Alcaldía, co apoio do PP, PSOE e BNG e coa abstención do PXCT.

Unhas mencións, engadiu Lucía Calvo, que permitirán tamén “poñer en valor toda esa contribución entre as xeracións presentes a as futuras, promovendo o patrimonio cultural galego entre a veciñanza e potenciando os grandes tesouros de Galicia”, e polo tanto, remarcou, “non hai mellores embaixadores para o Concello de Teo que eles, que son un claro exemplo de traballo, esforzo e constancia”.

A escritora e actriz Paula Carballeira conta cunha ampla produción narrativa, de poesía e de teatro. Foi gañadora ata en tres ocasións do premio Manuel María de Literatura Dramática Infantil: no 2006 por Boas Noites, no 2011 por O refugallo e no 2018 por Somos monstros. E, o ano pasado recibiu o Premio Nacional de Literatura Dramática do Ministerio de Cultura.

O artista plástico Manuel Quintana Martelo suma unha ampla traxectoria artística internacional. É na actualidade o presidente da Real Academia Galega de Belas Artes, na que, baixo o seu mandato, puxo en marcha o Día das Artes en Galicia, conseguindo levar a arte galega por primeira vez ao Museo do Prado de Madrid. Un referente da arte contemporánea que expuso en numerosos museos, entre eles o Moma de Nova York.

Víctor Manuel Vázquez Portomeñe, o terceiro dos nomeados nesta acto, é coartífice da Autonomía de Galicia, formando parte da denominada Comisión dos 16, que foron os autores e impulsores do primeiro anteproxecto do Estatuto de Autonomía de Galicia a comezos do 1979. Puxo en funcionamento o Centro Superior Bibliográfico de Galicia, impulasando a rede de infrestruturas culturais a través da creación das casas da cultura nos concellos de Galicia.

Os novos fillos adoptivos recibiron as súas distincións nun acto que estivo amenizado polo cantautor Manoele de Felisa, no que tamén desenvolveuse a actuación do grupo Música en mis Manos e que contou coa presenza de numerosas autoridades como o presidente do Parlamento de Galicia, Miguel Ángel Santalices, os conselleiros de Educación Román Rodríguez, e o de Facenda Miguel Corgos; o secretario xeral de Lingua, Valentín García, así como os representantes dos concello veciños como Boqueixón, Oroso, O Pino e Trazo, e numeros veciños.