Mércores. 24.04.2024

A Xunta de Galicia destina seis millóns de euros ao programa para impulsar a transformación dixital e a modernización do comercio galego de proximidade e do sector artesán. Esta orde de axudas, da que se poden beneficiar pemes comerciais de menos de 20 traballadores e obradoiros artesáns, incrementa nun 20% o seu orzamento con respecto ao ano pasado.

A través desta iniciativa, búscase apoiar ao sector comercial e artesán para que aproveite todas as oportunidades tecnolóxicas e do contexto actual para conectar co cliente, ofrecendo unha experiencia de compra única e personalizada, adaptada ao novo consumidor. O obxectivo é que a mobilización público-privada acade os nove millóns de euros.

DÚAS LIÑAS DE ACTUACIÓN

O programa, cunha intensidade de axuda do 80% do investimento subvencionable, inclúe dúas liñas de actuación. A primeira delas céntrase na dixitalización, e inclúe diferentes tipos de apoio en función do posicionamento previo dos beneficiarios neste eido, do número de empregados e se teñen ou non tenda física. Entre as actuacións subvencionables inclúense a implantación de páxinas web e a adquisición de equipamentos informáticos; ferramentas de márketing dixital; loxística para o comercio electrónico; sistemas dixitais de stock integrado no punto de venda e de control de acceso; así como xestores de redes sociais e o mantemento da páxina web, entre outros aspectos. O importe máximo das axudas que se poden obter neste apartado é de 17.600 euros.

Por outra banda, a través da liña de modernización, pódense obter apoios de ata 5.600 euros para a adquisición de equipamentos propios da actividade comercial e artesanal. O prazo de presentación de solicitudes está aberto do 24 de maio ao 23 de xuño, tras a publicación da orde no Diario Oficial de Galicia (DOG) o 23 de maio.

Ao mesmo tempo tamén poderán solicitarse as axudas para un segundo programa, centrado no fomento da comercialización da Artesanía de Galicia. Dotado con 265.000 euros, esta convocatoria inclúe apoios de ata 8.000 euros para os obradoiros artesanais que participen en feiras nacionais ou internacionais. Pola súa banda, os concellos e as asociacións profesionais e empresariais artesanais que organicen feiras no ámbito de Galicia poderán obter axudas de ata 15.000 euros e 18.000 euros, respectivamente.