Sábado. 27.07.2024

O candidato socialista á Presidencia da Xunta, José Ramón Gómez Besteiro, comprometeuse na Coruña a “desbloquear” os servizos de atención á Dependencia e a mudar os “bonos electoralistas e insuficientes” por “dereitos recoñecidos”. Así o dixo nun encontro con máis de 80 colectivos sociais da cidade xunto coa alcaldesa Inés Rey, á que puxo como exemplo de xestión dos Servizos Sociais para toda Galicia.

Aludiu ao bono coidado, que o Colexio de Traballo Social de Galicia cualificou de “trampa” e “publicidade enganosa”, que non é unha nova prestación, senón unha actualización de contías obrigada por Lei, ou o bono residencia.

Gómez Besteiro comprometeuse a incrementar os recursos para a atención á Dependencia para cumprir co prazo de 6 meses fixado por Lei que é sistematicamente incumprido polos gobernos do PP dende hai 15 anos. Lembrou que segundo a Asociación Estatal de Directores e Xerentes de Servizos Sociais, Galicia é a terceira Comunidade Autónoma que menos gasto asigna á Dependencia.

Apostou por aproveitar que Galicia está a recibir máis financiamento estatal que nunca, pero continúa á cola do Estado en investimento polo desleixo do PP, que quere boicotear un dereito fundamental para a vida das persoas.

O candidato socialista agradeceu o traballo das asociacións, que en moitas ocasións vense obrigadas a suplir a falla de recursos da Xunta en servizos que deberan estar incluídos dentro da carteira de servizos sanitarios. Subliñou que as entidades da Coruña non só atenden á cidade, senón que teñen que estender a súa tarefa aos veciños da área metropolitana, como exemplo de solidariedade ante a falla de equipamentos sociais.

Gómez Besteiro deulle un “suspenso clarísimo” á Xunta en materia de redución da pobreza e da exclusión social, logo de suprimir a Tarxeta Básica de axuda á adquisición de produtos básicos sen ofrecer alternativa. Comprometeuse a repoñer a Tarxeta Básica dentro dun Plan de actuación contras a pobreza e a exclusión social con orzamento, prazos e medidas concretas, incorporando axudas á vivenda para familias vulnerables.

Defendeu a reforma da Lei de Inclusión Social de Galicia e as súas prestacións para adaptalas á nova situación xerada logo da posta en marcha do Ingreso Mínimo Vital, como figura na Axenda Social Única consensuada coa Fegamp e o terceiro sector. O candidato socialista acusou á Xunta de incumprir o seu compromiso e defendeu unha nova redacción que simplifique a xestión das Axudas de inclusión e conecte o IMV coa Risga.