Luns. 29.04.2024

O Partido Popular de Galicia presenta as propostas programáticas do presidente e candidato Alfonso Rueda para as familias galegas a través dun libro que poden colorear os cativos e baixo a premisa de que “Galicia é o mellor lugar para nacer”.

Nun formato ilustrado e en tres idiomas (galego, castelán e inglés), os populares galegos destacan que Galicia ten máis axudas para as familias que ningún outro sitio de España e apostan, para a nova década, por seguir ofrecendo novas medidas para as mamás, papás e para os pequenos de cada casa”.

A través das súas páxinas poñen en valor feitos como que Galicia ten o calendario de vacinación infantil máis completo do mundo, que o abandono escolar na nosa Comunidade reduciuse á terceira parte do que era hai 15 anos ou que as familias de dous fillos teñen as mesmas bonificacións fiscais que tiñan ata agora as numerosas e estas, á súa vez, teñen 250 euros máis por cada fillo a partir do terceiro.

Para as nenas e nenos con trastornos no desenvolvemento, propoñen ofrecer servizos en atención temperá en todos os concellos galegos. Unha medida que vai no mesmo camiño que as Casas Niño que se estudan en toda Europa como lugares para conciliar nos concellos máis pequenos e onde ata agora non había opcións.

Salientan tamén que Galicia é o único lugar no que as escolas infantís son totalmente gratuítas e de aí a súa proposta, como xa manifestou Alfonso Rueda, de que toda a educación sexa gratis ata obter un título universitario.