Luns. 29.04.2024

O proxecto Ferrol Cidade do Deporte, unha das promesas electorais do alcalde José Manuel Rey, está cada vez máis preto de materializarse, despois de que o Gorberno galego autorizase, no último Consello da Xunta o 1 de febreiro, a sinatura do convenio de colaboración co Concello e que supón un investimento conxunto de 18 millóns de euros para a súa materialización,  impulsando e mellorando as infraestruturas deportivas municipais, así como a construción dalgunhas instalacións novas.

O desenvolvemento do proxecto será cofinanciado a partes iguais por ambas administracións entre 2024 e 2027. Unha colaboración que permitirá mellorar e poñer en valor as infraestruturas deportivas do concello co obxectivo de formentar o deporte entre a poboación ferrolá e da súa contorna, facilitando a súa práctica en todos os niveis.

O principal eixo de actuación do proxecto concentrarase na ensenada da Malata que conta con sete instalacións. Trátanse, explicaron o Goberno galego e o Concello, do estadio do Racing Club de Ferrol, as pistas de skate, o recinto feiral FIMO, o campo de rugby, a pista de atletismo, as pistas de tenis e o pavillón multiusos.

Unhas infraestruturas nas que está previsto realizar obras de reparación de carácter global, tanto no interior como no exterior das instalacións, así como a rehabilitación e mellora da súa accesibilidade e da súa eficiencia enerxética, explican dende a Xunta.

O proxecto tamén prevé rehabilitar na Cabana a cidade náutica coa adecuación dos edificios, a instalación de dous embarcadoiros e a reparación de todo o pavimento da pista deportiva.

Ademais, tamén se realizarán reformas e acondicionamento doutras instalacións da contorna urbana do concello para adaptalas ás novas necesidades e á normativa. Entre estas actuacións atópanse as do campo de fútbol de Caranza, a cidade deportiva da Gándara, os pavillóns deportivos de Santa Mariña, o Ensanche, a Casa do Deporte, o pavillón polideportivo e a piscina de Caranza.

Ademais, coa finalidade de promover a actividade deportiva no rural do concello, construirase unha nova pista polideportiva cuberta en Mandiá.